A Deputación destina 420.000 € a financiar o saneamento en Maceira Boa e melloras de camiños en Pedrouzo, Cervaña e Cortegada, en Silleda

A deputada Belén Cachafeiro visitou o concello e anunciou que este venres se aprobará en Xunta de Goberno unha achega do Plan +Provincia de preto de 160.000 € para a primeira actuación e de 260.000 € para a segunda

16/07/2026

A Deputación destina 420.000 € a financiar o saneamento en Maceira Boa e melloras de camiños en Pedrouzo, Cervaña e Cortegada, en Silleda

A deputada provincial Belén Cachafeiro visitou este martes Silleda, onde anunciou que a Deputación de Pontevedra se encargará de financiar con 420.000 euros o saneamento de augas residuais en Maceira Boa e a mellora de camiños municipais en Pedrouzo, Cervaña e Cortegada. A Xunta de Goberno do organismo provincial aprobará este venres os recursos para ambas actuacións, preto de 160.000 euros para a primeira e 260.000 euros para a segunda, enmarcados no Plan +Provincia 2026-2027 que destinará a Silleda preto de 1,57 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de 2027, á que este ano se pode acceder anticipadamente.

Cos recursos provinciais, en Maceira Boa o Concello de Silleda vai levar a cabo as obras necesarias para a execución da infraestruturas de saneamento de augas residuais para dar servizo aos habitantes do núcleo. En concreto, instalarase unha nova rede de saneamento conectada coa existente e situaranse pozos de rexistro e de resalto separados por non máis de 50 metros. As acometidas domiciliarias executaranse con tubaxes dun diámetro de 16 centímetros e un colector principal de 25 centímetros para garantir unha estanquidade total sen filtracións e procederase a demoler firme actual, abrindo ademais gabias para dispoñer a instalación e repoñendo de forma integral tanto os firmes como os pavimentos.

No que respecta á segunda das actuacións proxéctanse obras en camiños municipais que discorren polos núcleos rurais de Barreiro e Pedrouzo, na parroquia de Graba; Alfonsiños e Ouzande, en Cervaña, e Caporrapado e A Revolta, na parroquia de Cortegada. Desta maneira, realizarase a rehabilitación superficial do firme das vías mediante a execución dunha nova capa de rodaxe. Previamente fresaranse os entronques con outras vías pavimentadas para igualar as rasantes dos camiños. Ademais, ao obxecto de mellorar a drenaxe lonxitudinal da plataforma das vías limparanse as cunetas en ambos marxes e perfilaranse os seus noiros.

Belén Cachafeiro puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza”. Neste sentido, a deputada sinalou que a través de plans como o +Provincia, a Deputación “está a impulsar actuacións tan relevantes como estas que hoxe anunciamos en Silleda, que melloran servizos e infraestruturas fundamentais no día a día da xente”.