A Deputación continúa esta fin de semana en Pontevedra os percorridos do programa provincial +Bosques

As contornas do Pazo de Lourizán e do Río Lérez acollen novas saídas deste programa provincial que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque

01/07/2026

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana os percorridos da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades desta fin de semana terán lugar en Pontevedra, no Pazo de Lourizán (4 de xullo) e Río Lérez (5 de xullo), ata onde se desprazarán un total de 60 persoas en catro quendas, a razón de 15 cada unha, con saídas ás 10:00 e ás 10:30 horas.

Nesta edición de +Bosques, o programa chegará a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia ata setembro e permitirán coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionarán ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza. Promoverase a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Os percorridos continuarán este mes de xullo o día 11 en Barosa (Barro), o 12 na illa de Tambo (Poio), o 18 no río Maneses (O Campo Lameiro), o 19 nas fervenzas de Parafita e Raxoi (Valga), o 25 en Carboeiro (Silleda) e o 26 no Pazo de Lourizán (Pontevedra), con todas as prazas esgotadas. O resto de datas (agosto e setembro) poden consultarse no sitio web institucional. As inscricións abren mes a mes, sendo o 20 de xullo a data escollida para a inscrición nas actividades de agosto, ás 9:00 horas.