A Deputación continúa esta fin de semana en Poio e Pontevedra os percorridos do programa provincial +Bosques
A contorna da illa de Tambo e do Pazo de Lourizán acollen novas saídas deste programa provincial que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque
05/08/2026
A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana con todas as prazas esgotadas os percorridos da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades terán lugar este sábado 8 de agosto no Pazo de Lourizán e o domingo 9 na illa de Tambo, e nelas participarán un total de 60 persoas.
O sábado será a quenda dos grupos que visitarán o Pazo de Lourizán, un espazo que destaca polo seu xardín botánico “Arboretum”, creado en 1949 cunha finalidade investigadora, didáctica e recreativa. Pola súa banda, o domingo na Illa de Tambo as persoas participantes atoparán elementos naturais de gran beleza coma os taffonis, as dunas ou a praia Area Grande. Ademais, os asistentes descubrirán o seu abundante patrimonio histórico, con elementos como o peirao, o faro, o lazareto ou o antigo albergue
Nesta edición de +Bosques, o programa chegará a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionarán ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza, promovendo a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.
Os percorridos continuarán no mes de agosto por Valga o 15 de agosto, pola contorna do mosteiro de Carboeiro (Silleda) o 16 de agosto; pola contorna do río Maneses no Campo Lameiro o 22 de agosto; polo Río Lérez (Pontevedra) o día 23 de agosto; e por Barosa (Barro) o 29 de agosto, con todas as prazas esgotadas. As datas do programa de setembro poden consultarse no sitio web institucional e a inscrición para poder participar nestas últimas saídas do programa abrirá 24 de agosto, ás 9:00 horas.