A Deputación continúa esta fin de semana en Silleda e Pontevedra os percorridos do programa provincial +Bosques

A contorna do Mosteiro de Carboeiro e do Pazo de Lourizán acollen novas saídas deste programa provincial que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque

22/07/2026

A Deputación continúa esta fin de semana en Silleda e Pontevedra os percorridos do programa provincial +Bosques

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana con todas as prazas esgotadas os percorridos da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades terán lugar este sábado 25 de xullo no mosteiro de Carboeiro de Silleda e o domingo 26 no Pazo de Lourizán en Pontevedra, e nelas participarán un total de 60 persoas.

En Carboeiro o programa desenvólvese arredor do bosque de ribeira do val do Deza e do histórico Mosteiro de Carboeiro, un dos mosteiros medievais máis importantes de Galicia. Pola súa banda, o domingo será a quenda dos grupos que visitarán o Pazo de Lourizán, un espazo que destaca polo seu xardín botánico “Arboretum”, creado en 1949 cunha finalidade investigadora, didáctica e recreativa.

Nesta edición de +Bosques, o programa chegará a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia que permitirán dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionarán ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza, promovendo a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Galerias de imaxes