A Deputación continúa esta fin de semana en Valga e Silleda os percorridos do programa provincial +Bosques

A contorna das fervenzas de Parafita e Raxoi e do Mosteiro de Carboeiro acollen novas saídas deste programa provincial que promove o contacto directo coa natureza a través da modalidade de baños de bosque

12/08/2026

A Deputación de Pontevedra continúa esta fin de semana con todas as prazas esgotadas os percorridos da nova edición do programa +Bosques, unha iniciativa que promove o contacto directo coa natureza e permitirá ás persoas participantes gozar das vantaxes dos baños de bosques. As actividades terán lugar este sábado 15 de agosto en Valga e o domingo 16 de agosto en Silleda e nelas participarán un total de 60 persoas.

O sábado os percorridos terán lugar a carón das fervenzas de Parafita e Raxoi, en Valga, unha ruta a través de densos bosques de ribeira e pasarelas de madeira, con fervenzas, antigos muíños restaurados e un tapiz de vexetación exuberante. O domingo será a quenda do Mosteiro de Carboeiro, en Silleda, cun percorrido arredor do bosque de ribeira do val do Deza e deste histórico inmoble, un dos mosteiros medievais máis importantes de Galicia.

Nesta edición de +Bosques o programa chega a un total de sete espazos da costa e o interior da provincia que permiten dar a coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra. Todas as rutas proporcionarán ás persoas participantes unha experiencia de conexión directa en e coa natureza, promovendo a estimulación sensorial con exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

Os percorridos continuarán este mes pola contorna do río Maneses no Campo Lameiro o 22 de agosto; polo Río Lérez (Pontevedra) o día 23 de agosto; e por Barosa (Barro) o 29 de agosto, con todas as prazas esgotadas. As datas do programa de setembro poden consultarse no sitio web institucional e a inscrición para poder participar nestas últimas saídas do programa abrirá o luns 24 de agosto ás 9:00 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.