Luis López confirma a aprobación de máis recursos provinciais para o fomento do galego, con outros 150.000 € para que os concellos impulsen actividades de dinamización da lingua
O presidente destacou que son xa 350.000 € os recursos dirixidos aos concellos para o impulso do galego no que vai de ano. Aos 150.000 € aprobados nesta Xunta de Goberno súmanse 200.000 € para os servizos de normalización lingüística das entidades locais
06/03/2026
Luis López confirma a aprobación de máis recursos provinciais para o fomento do galego, con outros 150.000 € aos que deu luz verde a Xunta de Goberno desta semana para que os concellos de menos de 50.000 habitantes impulsen actividades de dinamización da lingua. O presidente da Deputación destaca que son xa 350.000 € os recursos dirixidos aos concellos para o impulso do galego no que vai de ano xa que, aos 150.000 € aprobados esta semana, súmanse outros 200.000 € dirixidos aos servizos de normalización lingüística das entidades locais.
Coas axudas que acaba de aprobar o goberno de Luis López preténdese fomentar o galego e potenciar o seu uso no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia. Deste xeito, cos recursos provinciais, os concellos poderán impulsar certames literarios, iniciativas de novas tecnoloxías, videoxogos ou podcast; actividades de sociolingüística e toponimia; actividades de fomento do galego no comercio e industria; campañas de dinamización ou accións que recoñezan o labor de persoas e colectivos a prol do galego. E o prazo de solicitude das axudas será dun mes desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia.
“Temos a sorte de ter unha lingua propia, que nos identifica e sitúa no mundo e aquí estamos nós, avanzando no fomento do galego”, remarcou López ao tempo que recordou que nestes primeiros meses de 2026 aprobáronse recursos para a dinamización da lingua para concellos e entidades sen ánimo de lucro por valor de 600.000 €. Así, aos 350.000 € para os concellos hai que engadir outros 150.000 dirixidos a entidades sen ánimo de lucro para a dinamización do galego e tamén 100.000 € para que editen publicacións na nosa lingua.
