Luis López adianta que a Deputación investirá 470.000 € para que 1.540 nenas e nenos da provincia participen o vindeiro verán no Campamento A Lanzada
As nenas e nenos nados entre o 2014 e 2019 poderán gozar dunha completa oferta de ocio na Lanzada, a través de 11 quendas de 7 días de duración entre xuño e setembro
24/07/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar as bases reguladoras do Campamento A Lanzada para o verán do 2027, no que investirá preto de 470.000 euros. O presidente do organismo, Luis López, adiantou que “malia que aínda estamos no verán do 2026, cos cativos desfrutando desta proposta, nós estamos pensando no vindeiro ano, porque queremos empezar a traballar canto antes para que estes campamentos sigan sendo punteiros na provincia”.
En liñas xerais, a Deputación de Pontevedra ofertará, tal e como explicou o presidente, 1.540 prazas para nenas e nenos nados entre os anos 2013 e 2018. Destas prazas, 1.330 seguirán o procedemento xeral tendo que aboar 110 € por praza ou 80 € no caso de familias numerosas ou monoparentais. As 210 restantes resérvanse para menores en situación ou risco de exclusión e serán financiadas ao 100% polo organismo provincial.
Os campamentos terán lugar ao longo do verán a través de 11 quendas de 7 días de duración, de domingo a sábado, e desenvolveranse entre o mes de xuño e setembro (a falta de concretar segundo as datas de fin e inicio de curso). Unha vez que se publiquen as bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, o prazo de presentación de solicitudes comezará o 1 de marzo e rematará o 22 do mesmo mes.
