A Deputación adxudica por valor de 110.000 € o contrato para instalar 15 estacións de reparación de bicicletas nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes

O presidente provincial, Luis López, asegurou que con esta actuación “queremos garantir a comodidade das persoas ciclistas e facilitar o desprazamento en bicicleta entre os itinerarios xacobeos e as áreas de interese turístico”

10/04/2026

A Deputación adxudica por valor de 110.000 € o contrato para instalar 15 estacións de reparación de bicicletas nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes

A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar en Xunta de Goberno a adxudicación do contrato por valor de 110.000 € para instalar 15 estacións de reparación de bicicletas nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Con esta actuación, que forma parte do proxecto “A Peribici: Mobilidade sustentable nos Camiños Deza-Tabeirós Terra de Montes”, “queremos garantir a comodidade das persoas ciclistas e facilitar o desprazamento en bicicleta entre os itinerarios xacobeos e as áreas de interese turístico”, asegurou o presidente provincial Luis López.

A través desta iniciativa, enmarcada no Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza Tabeirós-Terra de Montes. Os camiños por dentro, financiado con algo máis de 2 millóns de euros dos fondos NextGeneration, instalaranse 15 estacións nas dúas comarcas. Estas estacións abranguen oito instalacións estándar, que incluirán servizos esenciais de reparación de bicicletas, puntos de lavado manual, sistema manual de inchado de pneumáticos e punto de reparación con soporte para bicicleta.

Ademais, completarán as oito estacións estándar outras sete avanzadas que incluirán tamén servizos esenciais de reparación de bicicletas pero, neste caso, contarán con puntos de lavado automático con auga a presión, sistema de inchado automático de pneumáticos con control de presión e punto de reparación con soporte de bicicleta. Tanto estas estacións como as estándar estarán dotadas de mobiliario complementario como papeleiras, bancos e paneis informativos.