A Deputación instalará 15 estacións de reparación de bicicletas nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes

O proxecto A Peribici: Mobilidade sustentable nos Camiños Deza – Tabeirós Terra de Montes ten un orzamento de 150.000 euros e enmárcase dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza Tabeirós-Terra de Montes

13/03/2026

A Deputación de Pontevedra dotará ás comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes de 15 estacións de reparación de bicicletas como parte do proxecto “A Peribici: Mobilidade sustentable nos Camiños Deza – Tabeirós Terra de Montes”, que conta cun orzamento de 150.000 euros. O obxectivo, como explicou o presidente provincial, Luis López, é “garantir a comodidade e seguridade das persoas ciclistas, facilitando así o desprazamento en bicicleta entre os itinerarios xacobeos e as áreas de interese turístico”.

Este proxecto, que se enmarca dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino Deza Tabeirós-Terra de Montes. Os camiños por dentro, financiado con algo máis de 2 millóns de euros dos fondos NextGeneration, inclúe a instalación de 15 estacións repartidas polas dúas comarcas, en puntos que se definirán unha vez o proxecto estea adxudicado, e que serán de dous tipos. Por unha banda, haberá 8 instalacións de tipo “estándar”, que incluirán servizos esenciais de reparación de bicicletas, puntos de lavado manual, sistema manual de inchado de pneumáticos e punto de reparación con soporte para bicicleta.

Ademais, instalaranse sete estacións avanzadas, que incluirán tamén servizos esenciais de reparación de bicicletas, mais neste caso punto de lavado automático con auga a presión, sistema de inchado automático de pneumáticos con control de presión e punto de reparación con soporte de bicicleta. Ademais, todas as instalacións contarán con mobiliario complementario como papeleiras, bancos e paneis informativos.

Logos
 

audios