A Deputación aproba 480.000 € para a pista polideportiva das Quintáns, en Cambados, e a senda de Dorrón e humanización de varias rúas en Vilalonga, en Sanxenxo

Trátase de fondos do Plan +Provincia 2026-2027, que este ano reparte 85 millóns de euros para que concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar persoal

31/07/2026

A Deputación aproba 480.000 € para a pista polideportiva das Quintáns, en Cambados, e a senda de Dorrón e humanización de varias rúas en Vilalonga, en Sanxenxo

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno dúas achegas por valor de preto de 480.000 euros para Cambados e Sanxenxo no marco do Plan +Provincia 2026-2027, que este ano reparte 85 millóns de euros para que concellos de menos de 50.000 habitantes poidan realizar investimentos, afrontar gasto corrente e contratar persoal. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Cambados contará con 105.000 € para a cuberta exterior para a pista polideportivas nas Quintáns, en Vilariño, e Sanxenxo preto de 150.000 € para a ampliación da senda fluvial de Dorrón e225.000 € para a urbanización da rúa Aparicio Vilar e da rúa dos Grupos Escolares, ambas en Vilalonga.

Máis polo miúdo, en Cambados actuarase na pista polideportivas das Quitáns, en Vilariño, onde esta proxectado construír unha cubrición con sete pórticos de madeira laminada en forma de búmerang e paneis de policarbonato translúcido para poñer en valor este espazo e protexelo das inclemencias do tempo. A estrutura complétase con cruces de San Andrés para a súa rixidez, lamas de madeira e paneis laterais para regular a entrada de luz e vento, e unha inclinación deseñada para facilitar a evacuación natural da auga da choiva.

O Concello de Sanxenxo, pola súa parte, procederá a prolongar e adecuar unha senda peonil de 756 metros ao longo do Rego de Dorrón para conectar a praia de Areas co Muíño do Barreiro, unindo tramos desconectados e mellorando a accesibilidade e seguridade fronte aos cruzamentos coas estradas PO-308 e EP-9201. A intervención inclúe un pavimento sustentable de xabre estabilizado, novas pasarelas de madeira e plástico reciclado, medidas de seguridade como varandas e pasos de peóns, e elementos de integración paisaxística e mobiliario urbano para potenciar o uso recreativo e o turismo de natureza.

O segundo dos proxectos de Sanxenxo pasa pola renovación urbana das rúas Aparicio Vilar e dos Grupos Escolares mediante a soterramento das infraestruturas de electricidade, telecomunicacións, alumeado e saneamento de pluviais para eliminar as liñas aéreas existentes. Ademais, pavimentarase todo o ámbito en plataforma única con diferenciación de materiais e elementos urbanos para separar o tránsito peonil do rodado, e instalarase un novo sistema de alumeado público.

“Como todas as semanas seguimos avanzamos no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, sinalou Luis López.