A Deputación aproba o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-8502 Valga-Os Martores e na EP-8502 Valga-Baño, dotada con preto de 900.000 €

Luis López sinalou que Deputación asume o 80% do orzamento, cunha achega superior aos 700.000 euros, e o Concello o 20% restante, preto de 180.000 €

24/07/2026

A Deputación aproba o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-8502 Valga-Os Martores e na EP-8502 Valga-Baño, dotada con preto de 900.000 €

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, informou este venres da aprobación do convenio entre a institución provincial e o Concello de Valga para executar o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-8501 Valga-Os Martores e na EP-8502 Valga-Baño. A Xunta de Goberno provincial deu luz verde ao acordo, cun orzamento total de 887.000 euros, dos que a Deputación asumirá o 80% (709.000 euros) e o Concello de Valga o 20% restante (177.000 euros).

Na EP-8502 Valga-Baño executarase unha senda peonil nun treito de 220 metros e dúas zonas de convivencia onde non se poida segregar os tráficos. A actuación permitirá crear un novo espazo peonil seguro e continuo nunha contorna moi sensible polos equipamentos públicos existentes neste treito, como o CEIP Baño Xanza, a escola infantil municipal ou o centro social, que provocan múltiples desprazamentos a pé. Tamén se renovarán a capa de rodaxe e a recollida de augas pluviais de todo o ámbito, executaranse pasos sobreelevados e melloraranse os servizos co soterramento das liñas de electricidade e telecomunicacións e mais a renovación do alumeado público con LED de alto rendemento. Por último na EP-8502, reordenarase unha pequena intersección perigosa coa creación de dúas glorietas e beirarrúas que permitirán o acceso seguro a pé ao centro de Educación Infantil e Primaria e á gardería pública.

Pola outra banda, as obras na EP-8501 Valga-Os Martores afectan un treito de 110 metros e consistirán nunha actuación de mellora da mobilidade peonil na contorna do centro social de Valga, mediante a execución de beirarrúas nas dúas marxes, o acondicionamento de zonas axardinadas e a creación de zonas de estacionamento.

O presidente Luis López sinalou que esta aprobación forma parte dun paquete de “tres cuestións relacionadas coa modernización e mellora para outras tantas estradas provinciais, que suman máis de 2,1 millóns de euros”, aprobadas na Xunta de Goberno desta semana. Ademais desta actuación, tamén se avanzou noutras relacionadas con estradas provinciais en Lalín e Mos. “Seguimos sumando recursos e aprobando investimentos para mellorar a nosa rede de estradas provinciais e avanzar na seguridade destas infraestruturas que son fundamentais para vertebrar o noso territorio”.