A Deputación aproba o proxecto para a humanización da rúa Hortas Reais, en Baiona, cun orzamento de 350.000 euros
A proposta, enmarcada dentro do PAI Val Miñor, cofinanciado pola Unión Europea, converterá esta vía de transición nunha praza pública con preferencia peonil
24/07/2026
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra acaba de aprobar o proxecto para a humanización da rúa Hortas Reais, en Baiona, cun orzamento de 350.000 euros. O presidente provincial, Luis López, anunciou que esta proposta, enmarcada dentro do PAI Val Miño, o proxecto de transformación de Baiona, Nigrán e Gondomar coordinado pola Deputación e cofinanciado pola Unión Europea, transformará a fisionomía e a convivencia desa zona, convertendo “unha vía de transición nunha nova praza pública: onde agora hai coches, buscamos que haxa persoas”.
En concreto, instalarase unha plataforma única e a zona destinada a peóns medrará ata os 430 metros, restrinxirase o tráfico rodado, permitindo unicamente o acceso a residentes e servizos básicos. A nova praza que se creará contará con zonas axardinadas, árbores e bancos. Ademais, substituiranse todas as tubaxes de saneamento e abastecemento e soterrarase o cableado aéreo.
“Este proxecto non só busca embelecer esta rúa tan empregada por veciños e visitantes, senón que o obxectivo é crear un espazo social, aberto e plural coa visión de ‘cidade amable’”, asegurou Luis López.
