PROGRAMA
Somos Ponte
“Cando a cooperación sanda”
"Somos ponte" é un programa de sensibilización que a Coordinadora Galega de ONGD desenvolve en colaboración coa Deputación de Pontevedra desde o ano 2023. O seu obxectivo é poñer en valor a cooperación ao desenvolvemento, evidenciando as conexións que existen entre a nosa provincia e o sur global, así como o papel da Deputación en diversos proxectos de cooperación en países coma Mozambique, O Salvador, Guatemala ou Honduras, entre outros.
Este mes de outubro arranca a terceira edición de "Somos ponte" cunha conversa aberta, "Cando a cooperación sanda", un encontro para coñecer de preto as persoas que, en Pontevedra e Honduras, fan posible o proxecto CORESI.
CORESI (Comunidades Resilientes a través do Enfoque de Saúde Integral) é froito dunha alianza entre catro organizacións: as galegas Solidariedade Internacional de Galicia, Sólida e Solidariedade Galega, e a hondureña Sur en Acción.
O foco deste proxecto é a saúde en vinte e cinco comunidades de San Marcos de Colón (departamento de Choluteca, Honduras), cun énfase especial na atención sanitaria ás mulleres, xa que nas comunidades hondureñas nas que se desenvolve este proxecto non existe a figura nin a atención, como especialidade no eido da enfermería, da matrona.
O proxecto CORESI afonda nesta e noutras cuestións relativas á saúde da poboación a través da cooperación da man de profesionais sanitarios galegos. Deste xeito, proporciónase atención directa á comunidade, pero tamén formación e acompañamento ás e aos profesionais sanitarios locais, que logo poden completar aquí, cunha pequena estadía, este proceso.
"Cando a cooperación sanda" ofrécenos a posibilidade de coñecer non só este proxecto senón a experiencia da cooperación da man de dúas das súas protagonistas: a enfermeira hondureña Yesenia Dolores Sauceda, que se atopa actualmente en Galicia como parte do proceso de formación que ofrece o proxecto, e a galega Alia del Río, matrona no Hospital Provincial de Pontevedra, que puido formar parte de CORESI e viaxar a Honduras grazas á normativa galega que, a través do SERGAS, facilita que as e os profesionais sanitarios poidan participar en proxectos de cooperación.
Participarán tamén nesta conversa Mario Pinel, presidente da ONGD hondureña Sur en Acción, e María Paz, directora de Solidariedade Internacional de Galicia. Ambos serán os encargados de explicar o proxecto CORESI, o contexto social que o fai necesario e os avances acadados desde a súa posta en marcha no ano 2020.
A conversa terá lugar o luns 20 de outubro, a partir das 18 horas, no salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra.
Programa:
- 18:00 h Benvida a cargo de María Paz Gutiérrez, presidenta da Coordinadora Galega de ONGD, e da deputada de Benestar Social e Igualdade, Paula Bouzós Barros.
- 18:10 h Presentación e contexto do proxecto CORESI
- 18:30 h Conversa con Yesenia Dolores Sauceda (enfermeira en San Marcos de Colón, no departamento de Choluteca, Honduras) e Alia del Río (matrona do Hospital Provincial de Pontevedra). Aberta a preguntas do público
- 19:30 h Peche da sesión
Por cuestións de capacidade do espazo, prégase confirmar previamente a asistencia nesta ligazón.