A Deputación leva este sábado á Guarda o ciclo +Escénicas cun espectáculo infantil de monicreques baseado nos contos clásicos

<p>“Os contos do Lobicán”, de Redrum Teatro, terá lugar no Salón de actos do Centro Cultural a partir das 18:00 horas</p>

11/03/2026

ESCÉNICAS A GUARDA LOBICÁN 

“Os contos do Lobicán”, de Redrum Teatro, terá lugar no Salón de actos do Centro Cultural a partir das 18:00 horas

+Escénicas é o circuíto da institución provincial que leva unha completa programación de teatro e danza aos concellos de menos de 20.000 habitantes

Pazo provincial, 11 de marzo 2026. A Deputación de Pontevedra leva este sábado 14 de marzo o circuíto +Escénicas ao Concello da Guarda da man da compañía Redrum Teatro, que ofrecerá o espectáculo “Os contos do lobicán” no Salón de actos do Centro Cultural a partir das 18:00 horas. A actuación está enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia e que acaba de ser renovada por un terceiro ciclo cun orzamento de 204.000 euros, aumentando o seu crédito nun 36% desde a súa posta en marcha.

“Os contos do Lobicán” é un espectáculo de monicreques musical, áxil e atrevido destinado a nenos de entre 3 e 8 anos. A función busca darlle a volta aos contos clásicos, ao tempo que transmite unha mensaxe educativa e valores universais como a amizade, a cooperación, o respecto pola natureza, o pensamento crítico e a importancia da imaxinación. Trátase dun texto de Eva Mejuto, gañador do XV Premio Barriga Verde 2022 e do Premio ao Mellor Espectáculo de monicreques nos María Casares, que está inspirado no mundo de Wes Anderson, onde as cores, a escenografía, o vestiario e a música axudan a transmitir os valores. A función convida a nenos e nenas a reflexionar sobre o mundo que os rodea e imaxinar novas posibilidades dun futuro máis inclusivo.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e este mes de marzo representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra. A partir do luns 16 de marzo, os concellos terán un prazo de 15 días para facer as súas solicitudes de actuacións que teñan lugar entre abril de 2026 e marzo de 2027.