A Deputación de Pontevedra e a Asociación Bombeiros de Vigo entregan 2.000 exemplares do conto ‘Cumprindo soños’ a nenos e nenas do Hospital Álvaro Cunqueiro
A publicación foi promovida polos propios profesionais do servizo de extinción de incendios para “agradecer o cariño” que reciben por parte da poboación infantil
16/03/2026
A Deputación de Pontevedra e a Asociación Bombeiros de Vigo entregaron este luns aos nenos e as nenas do Hospital Álvaro Cunqueiro 2.000 exemplares do conto ilustrado ‘Cumprindo soños’, promovido polos propios profesionais do servizo para “agradecer o cariño” que reciben por parte da poboación infantil e facer máis amena a súa estancia hospitalaria.
A Deputación de Pontevedra imprimiu de balde 5.000 copias da publicación, a metade en galego e a outra metade en castelán. Un total de 2.000 se distribuíron no hospital público vigués e 3.000 se comercializarán por un importe módico para recadar fondos para unha causa solidaria. No reparto realizado este luns, no que colaborou o Servizo Galego de Saúde (Sergas), participou a vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, quen agradeceu á Asociación Bombeiros de Vigo esta iniciativa “de marcado valor social e emocional”.
“Este é un exemplo de como pequenos xestos poden ter un grande impacto na vida dos nenos e das nenas que están pasando por un momento complicado. Este conto é unha ferramenta para arrancar sorrisos, espertar a imaxinación e facer que, por un rato, nenos e nenas esquezan o entorno hospitalario”, sinalou.
O conto, escrito por Susana Reinaldo e ilustrado por Raúl Maya, narra a visita dun equipo de bombeiros ao hospital para compartir un día especial coa rapazada ingresada. O relato transmite mensaxes de esperanza, compañeirismo e gratitude, e quere servir como unha pequena homenaxe tanto aos profesionais da sanidade como aos nenos e ás nenas que afrontan con afouteza o seu proceso de recuperación.
“Quero amosar a satisfacción da Deputación de Pontevedra por apoiar proxectos que humanicen os espazos hospitalarios e agradecer a sensibilidade amosada polos bombeiros de Vigo”, engadiu Luisa Sánchez, quen estivo acompañada polo xerente da área sanitaria viguesa, Javier Puente, durante o percorrido de entrega de contos e a visita que se fixo á Aula Hospitalaria do Álvaro Cunqueiro.
