Luis López salienta a contribución de “eventos de referencia internacional” como o Arousa Fútbol 7 que afianzan a Pontevedra como “a provincia do deporte”
O presidente provincial, acompañado polo alcalde de Ribadumia, David Castro, participa na presentación deste emblemático fútbol base que recibe o apoio da Deputación
10/04/2025
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, salienta a contribución de eventos deportivos de longa traxectoria e recoñecido prestixio internacional como o Arousa Fútbol 7 para consolidar á “provincia do deporte” como un destino turístico ligado ás actividades deportivas. Fíxoo na presentación de vixésimo oitava edición deste clásico campionato estival de fútbol base que tivo lugar no campo de fútbol de A Senra, escenario no que se disputará a fase final do torneo os días 30 e 31 de maio. “O Arousa Fútbol 7 é un evento de referencia no calendario deportivo da provincia, de Galicia e de moitos clubs de fútbol base de todo o mundo”, afirmou o mandatario provincial.
O balón do torneo de fútbol de categoría alevín máis emblemático da provincia comezará a rodar en Ribadumia neste mes de abril. Entre o 17 e 20 de abril celebrarase a fase previa máis demandada deste torneo, que superou as 80 prazas ofertadas e atrae a equipos de fóra de Galicia. Os catro mellores do campionato clasificaranse para a fase final, prevista para os días 30 e 31 de maio, cun atractivo cartel no que nunca fallan os nomes das mellores canteiras futbolísticas do mundo. “Somos a provincia do deporte porque contamos con entidades que destacan polo seu labor como é a Asociación Deportiva Aorousa Fútbol 7, é digno de agradecer”, recoñeceu o presidente.
Pero o impacto deste campionato de fútbol base vai moito máis aló do estritamente deportivo. O Arousa Fútbol 7 funciona xa coma un motor turístico para a comarca do Salnés contribuíndo a desestacionalizar o turismo fóra dos principais meses de verán. “Este torneo é o escaparate perfecto para consolidar ao Salnés e ás Rías Baixas como un destino turístico ligado ao deporte e á natureza”, asegurou o mandatario provincial, que celebrou a organización na provincia deste tipo de eventos que permiten avanzar na estratexia da Deputación de promoción do destino Rías Baixas cara a descentralización, a desestacionalización e a sustentabilidade e o contacto coa natureza. Neste caso, salientou a importancia da colaboración entre as distintas institucións, coma a Federación Galega e Española de Fútbol, para facer realidade eventos coma este e outros moito que se están a celebrar na provincia.
Finalmente, lembrou Luis López o apoio que o ente provincial presta a Asociación Deportiva Arousa Fútbol 7 e a todo o tecido deportivo da provincia. A través da liña de subvencións a clubs e federacións para a organización de eventos deportivos, a Deputación apoia a organización do Arousa Fútbol 7. Pero tamén posibilita a celebración destes eventos en instalacións da máxima calidade, pois a través do segundo Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas a Deputación inxecta 8 millóns de euros nos concellos da provincia para modernizar ou construír instalacións.
