A Deputación destina máis de 40.000 € a Rodeiro para financiar o servizo de axuda no fogar e para gastos de persoal dos servizos sociais municipais
A institución provincial destina este ano máis de 3,7 M€ para que os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia poidan facer fronte a políticas sociais. Trátanse das Axudas Básicas de Emerxencia, dotadas con 610.000 euros, e do plan de cofinanciamento dos servizos sociais municipais, con 3,1 M€
03/03/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha axuda de máis de 40.000 € para que o Concello de Rodeiro financie o servizo de axuda no fogar e afronte os gastos de persoal dos servizos sociais comunitarios municipais. Destes recursos, preto de 21.000 € irán dirixidos a facer fronte a gastos de persoal e máis de 19.000 para financiar o servizo de axuda no fogar (SAF) que se presta na localidade.
Esta achega que acaba de aprobar o goberno de Luis López para Rodeiro enmárcase no plan de cofinanciamento dos servizos sociais municipais, que neste 2026 está dotado con 3,1 millóns de euros para os concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Ao abeiro desta liña de axudas, os municipios poderán sufragar as retribucións brutas e de seguridade social do persoal auxiliar do SAF e cubrir os custos do persoal dos servizos sociais comunitarios.
Ademais, a estes 3,1 millóns de euros, a Deputación de Pontevedra puxo outros 610.000 € a disposición dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Neste caso, preto de 400.000 euros irán dirixidos a financiar gasto corrente de persoas en situación de vulnerabilidade como alimentación, uso da vivenda, facturas, produtos farmacéuticos, reparación de vehículos, lentes de contacto, odontoloxía ou axudas de estudo e de apoio á infancia. E os preto de 210.000 euros restantes servirán para financiar investimentos como actuacións de mellora en vivendas de persoas vulnerables.