A Deputación de Pontevedra colabora co DCETIP, o novo congreso doutoral internacional do CINTECX da UVigo

Luisa Sánchez salienta que a cita situará a provincia como referente en investigación e permitirá dar a coñecer os produtos da Finca Areeiro entre profesionais de distintos países

05/07/2026

A Deputación de Pontevedra colabora co DCETIP, o novo congreso doutoral internacional do CINTECX da UVigo

A Deputación de Pontevedra colaborará coa celebración da primeira edición do Doctoral Conference in Energy, Technology and Industrial Processes (DCETIP 2026), o novo congreso doutoral internacional organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais (CINTECX) da Universidade de Vigo, que os días 21 e 22 de xullo reunirá na cidade olívica arredor de 150 asistentes e destacados expertos internacionais nos ámbitos da enerxía e das tecnoloxías industriais.

O compromiso de colaboración foi trasladado pola vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, á directora do CINTECX, María Ángeles Sanromán, durante unha reunión na sede de Vigo, onde ambas abordaron os preparativos desta cita científica internacional que nace coa vocación de converterse nun foro de referencia para o persoal investigador en etapas iniciais e para profesionais do ámbito industrial.

A colaboración da institución provincial incluirá apoio en cuestións organizativas e a entrega de diferentes produtos de merchandaxe, entre eles algúns procedentes da Finca Areeiro. Así, os asistentes recibirán como agasallo produtos elaborados a partir de camelia e os seis relatorios convidados levarán tamén unha camelia como recordo da súa participación no congreso.

A vicepresidenta, Luisa Sánchez, destacou que “desde a Deputación queremos estar ao lado das iniciativas que sitúan a provincia como referente en investigación e innovación, ao tempo que aproveitamos esta oportunidade para dar a coñecer a excelencia dos produtos da Finca Areeiro entre profesionais procedentes de distintos países”.

Galerias de imaxes