A Deputación leva este venres a Portas e Vilagarcía de Arousa a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’

As actividades, organizadas pola institución provincial en colaboración con Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas, celebraranse na praia fluvial do Umia en Portas ás 10:00 horas e no CEIP A Lomba de Vilagarcía ás 12:00 horas

06/07/2025

A Deputación de Pontevedra leva este martes 8 de xullo a xeira de contacontos ‘Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas’, organizada en colaboración coa compañía Polo Correo do Vento co gallo das Letras Galegas, aos concellos de Portas e Vilagarcía de Arousa. A cita terá lugar este martes ás 10:00 horas na praia fluvial do río Umia en Portas e ás 12:00 no CEIP A Lomba de Vilagarcía, e continuará ao longo dos próximos meses ata completar as 35 citas programadas ao longo de todo o territorio provincial.

A Deputación ofrece de balde aos concellos da provincia esta actividade co fin de divulgar entre a infancia o papel fundamental das cantareiras para a conservación e difusión da lingua galega. Nela percorrerase a biografía destas mulleres (personificadas nalgunhas figuras como as de Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema e mais Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes das Pandeireteiras de Mens, de Malpica) dun xeito ameno e participativo. Tamén interpretarán as pezas que cantaban estas mulleres, ademais de pezas propias de cada unha das localidades onde se desenvolvan as accións, e os contacontos rematarán cun obradoiro de debuxo no que os nenos e nenas terán que realizar unha caricatura dunha pandeireteira.

Despois destes obradoiros en Portas e Vilagarcía de Arousa, a actividade tamén chegará en xullo ao Porriño, Gondomar, O Grove, O Rosal, Oia, Cuntis, Pontecesures, Pazos de Borbén, Mondariz, Cambados, Meaño, Ribadumia, Moraña, A Lama, Ponte Caldelas, Cangas do Morrazo e Soutomaior.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.