A Deputación revisa a iconografía de San Sebastián desde o gravado clásico ata a actualidade nunha exposición no Museo de Pontevedra

‘San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada’, que se inaugura mañá venres ás 18:30 h, analiza o homoerotismo na imaxe do mártir cunha ampla selección de gravados do século XVI ao XX, e a presenza desta icona na publicidade e a cultura popular actual

29/01/2026

Rafa Dominguez na exposición ‘San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada’

San Sebastián mártir é un dos santos máis representados da iconografía cristiá. A súa figura case espida e atravesada por frechas fixérono moi atractivo para artistas de todas as épocas e dotárono de connotacións que o situaron tamén como referente do homoerotismo. Con ese punto de partida enfócase a exposición ‘San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada’, que se inaugura mañá venres ás 18:30 no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, onde se poderá visitar ata o 5 de abril.

A exposición está comisariada polo profesor Xosé Manuel Buxán Bran, artista e decano da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e Natalia Fraguas Fernández, conservadora responsable dos gravados da colección do Museo de Pontevedra. A mostra reúne 77 gravados que van do Renacemento do século XVI ata as vangardas e a contemporaneidade do século XX, cunha presenza destacada de estampa barroca dos séculos XVII e XVIII. Isto complétase coa presenza da imaxe de San Sebastián na cultura e na sociedade actuais, a través de capas de libros, discos e revistas, deseños de camisetas, perfumes ou elementos publicitarios.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, e a directora do Museo, Ángeles Tilve, presentaron hoxe aos medios a exposición, que percorreron coa comisaria e o comisario. Domínguez destacou que o Museo de Pontevedra “ofrece unha calidade artística e cultural elevadísima, temos que aproveitar a sorte de contar cunha exposición que ten detrás anos e anos de traballo e de pensamento”.

Ángeles Tilve explicou que esta foi unha das primeiras propostas expositivas que recibiu cando asumiu a dirección do Museo e que lle pareceu moi interesante pola magnífica calidade da colección privada que agora ve a luz publicamente. Xosé Manuel Buxán puxo o acento en que a exposición é o resultado dunha investigación de máis de 30 anos e na importancia da cohabitación entre pezas de diferentes épocas da historia da arte e as visións contemporáneas do mito de San Sebastián.

Pola súa parte, Natalia Fraguas explicou a proposta expositiva, na que se fuxiu da ordenación cronolóxica para organizar en función das temáticas tratadas nos gravados. Optouse por unha estética da acumulación, vinculada á idea de coleccionismo. Fraguas reivindicou tamén a importancia do gravado na historia da arte, que ao igual que a fotografía que protagoniza a outra exposición actual no Museo, é unha técnica moitas veces considerada menor, pero que ten gran relevancia e contribuíu enormemente á democratización da arte.

O proxecto expositivo xorde da investigación que o profesor Buxán Bran presentara en 1995 na Universidade do País Vasco coa súa tese doutoral, titulada Homoerotismo na iconografía de San Sebastián Mártir. Unha visión desde o presente. Ao longo dos anos, o comisario e crítico continuou esa investigación sobre o eros e a imaxe de Sebastián, que agora se presenta nesta exposición, a primeira de tal alcance que se lle dedica en España á figura deste mártir, e que ademais se fai nunha cidade da que é patrón.

A sección máis extensa da exposición é a referida ao gravado, dividida en apartados que aluden aos diferentes xeitos de representar a San Sebastián: o martirio, só e nu, asistido polos anxos, na gloria... A través destas representacións, a mostra percorre a historia do gravado europeo, desde os seus grandes mestres históricos ata as súas manifestacións contemporáneas, cunha calidade e representatividade notables que permiten comprender a evolución desta técnica artística.

A nómina de artistas presentes na exposición inclúe algúns dos nomes máis relevantes da estampa en Europa desde o século XVI ata a actualidade, cunha presenza destacada do gravado barroco dos séculos XVII e XVIII. Predominan as obras procedentes dos principais centros de produción de gravado na época moderna: Países Baixos, Flandes, Italia e Francia, con figuras de importancia capital como Lucas van Leyden, Aegidius Sadeler II, Jacques Callot ou Simone Cantarini, pero tamén doutros espazos como España e Inglaterra, con Juan Antonio Salvador Carmona e John Baptist Jackson.

Desde as vangardas do século XX á arte actual, San Sebastián seguiu a ter protagonismo, enriquecéndose con novas lecturas. Na exposición atopamos obras de expresionistas como Gottfried Graf, de  Keith Haring,  figura icónica do pop art e a arte urbana dos anos 80, e de artistas actuais, como a brasileira Ana Maria Pacheco e o galego Roberto González Fernández.

Co propósito de entender as ricas derivacións da imaxe de Sebastián no campo da cultura, a exposición dedica un apartado ás capas ou portadas nas que o mundo editorial e literario reivindica o santo, na meirande parte das veces por ser metáfora do desexo carnal e da beleza. Na ampla selección vemos capas de ensaios, novelas ou poemarios que atoparon no santo a súa inspiración gráfica. Tamén capas de discos e cedés, portadas de revistas, carteis de películas, deseños de camisetas ou publicidade e perfumería.

A mostra incorpora tamén exemplos de Sebastián en escultura en pedra calcaria, bronce e alabastro, tamén cerámica e mesmo un relevo en marfil, de diferentes épocas e procedencias. Todas as obras incluídas na mostra proceden de coleccións privadas, de xeito que ‘San Sebastián, corpo de beleza e dor. Unha paixón privada’ quere ser tamén unha reivindicación da importancia do coleccionismo para a preservación cultural.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.