A Deputación pon en valor as cantareiras de Gargamala nun faladoiro na Praza de Abastos de Mondariz enmarcado no programa provincial Aquí faltan páxinas

“Téñense convertido en grandes depositarias da tradición oral e musical da nosa terra, en transmisoras de saberes que sobreviven o paso das xeracións, mantendo viva a música, as historias, os refráns e as formas de falar propias da contorna de Mondariz”, subliñou a deputada de Igualdade Paula Bouzós sobre as cantareiras e tocadoras de Gargamala

09/01/2026

cantareiras gargamala

O papel das mulleres de Gargamala como as “grandes depositarias da tradición oral e musical da nosa terra” acaba de protagonizar na Praza de Abastos de Mondariz un dos faladoiros do programa provincial Aquí faltan páxinas, a iniciativa coa que o organismo está a rescatar as historias de mulleres que non adoitan ser contadas. No acto, no que participou a deputada de Igualdade, Paula Bouzós, e o alcalde de Mondariz, Pablo Barcia, tomaron a palabra Xulia Feixoo, Lealdina Amil e María González para recordar o papel que desenvolveron e desenvolven as tocadoras e cantareiras desta parroquia na conservación do patrimonio cultural e inmaterial. A sesión pechouse da man da música e son das voces das propias cantareiras de Gargamala.

Bouzós subliñou o papel destas mulleres como “transmisoras de saberes que sobreviven o paso de xeracións, mantendo viva a música, as historias, os refráns e as formas de falar propias da contorna de Mondariz”. Ao respecto, recordou como as cantareiras e tocadoras de Gargamala, “reunidas en fiadas, seráns e festas, acompañaban os labores do campo e as celebracións con harmonías aprendidas de memoria, mantendo viva a música, as historias, os refráns e as formas de falar propias da contorna de Mondariz”. Por este motivo, a deputada remarcou que “elas son as auténticas gardiás da identidade local e a súa contribución é esencial para comprender a riqueza do folclore galego”.

A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. Xa se organizou un faladoiro sobre as alfombristas, outro sobre Juaniña do Porriño, sobre as nais contra a droga, sobre Dona Concha en Portas, e, tralo organizado en Mondariz para narrar a historia das cantareiras de Gargamala, chegarán outras sesións centradas nas mulleres do mundo do viño, na soprano de zarzuela Matilde Vázquez, na fotógrafa e xornalista Corona González, na bióloga Marisol Soengas, na arquitecta Rita Fernández Queimadelos, na cineasta Cruz Risco e nas primeiras policías locais, Marina Ledo e Begoña Villar.

Galerias de imaxes