A Deputación iluminará o Pazo provincial de amarelo con motivo do Día Internacional do Cancro Infantil

A institución súmase un ano máis á iniciativa promovida por asociacións como ASANOG ou a AECC, que se celebra o 15 de febreiro

12/02/2026

A Deputación de Pontevedra tinguirá de amarelo-dourado a fachada do Pazo provincial desde as 19:30 horas deste domingo 15 de febreiro ata ás 8:30 horas da mañá do luns 16 ao abeiro da conmemoración do Día Internacional do Cancro Infantil, que se celebra cada 15 de febreiro. A institución provincial súmase así un ano máis á iniciativa promovida por asociacións como a Asociación de Cancro Infantil e Xuvenil de Galicia (ASANOG) ou a Asociación Española Contra o Cancro (AECC). 

A institución provincial revalida deste xeito o seu apoio ás accións desenvolvidas para sensibilizar e concienciar á poboación, así como incentivar a investigación dos cancros que afectan a nenos e adolescentes, co obxectivo de aumentar a taxa de supervivencia deste tipo de tumores e mellorar a calidade de vida dos pacientes.

Segundo datos da AECC a incidencia do cancro en idade infantil na franxa de 0 a 14 anos situase en 949 diagnoses no 2023 en España. Neste día, as asociacións destacan o papel dos investigadores que, co seu apoio, realizan proxectos de investigación para mellorar o tratamento e diagnose dos tumores infantís.