A Deputación abre ao público a exposición “A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral” no Pazo provincial
O deputado de Cultura, Jorge Cubela, defendeu a importancia de promover o legado cultural galego e fixo un percorrido pola mostra organizada polo Consello da Cultura Galega, que estará dispoñible ata o 27 de febreiro no Pazo provincial
02/02/2026
A Deputación de Pontevedra puxo este luns á disposición do público “A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral”, unha exposición itinerante do Consello da Cultura Galega que se poderá visitar ata o 27 de febreiro no vestíbulo principal do Pazo provincial. O deputado de Cultura, Jorge Cubela, participou nos actos de inauguración da mostra, nos que tamén estiveron presentes a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e os comisarios da exposición, Luciano Pérez Díaz e Suso Vaamonde Manteiga, e que contaron cunha sesión de relatorios.
Jorge Cubela asegurou que se trata dunha exposición “moi relevante para a posta en valor do noso patrimonio cultural”, coa que “reivindicamos a actualidade da pandeireta, defendemos a necesidade de que este legado non se perda, e tamén reivindicamos que pode e debe convivir coas manifestacións e correntes máis actuais do noso diverso panorama musical”. O deputado de Cultura lembrou que esta exposición nace do recoñecemento das Letras Galegas 2025 ás cantareiras, e puxo en valor “o intenso traballo que fixemos desde a Deputación para difundir o seu legado”. De feito, tal como sinalou, “desde o pasado xoves xa se pode ver o cuarto dos cinco episodios que compoñen o proxecto Mozas da miña aldea, centrado nesta ocasión nas mulleres do Val de Tielas, en Covelo”.
A pandeireta galega é un testemuño vivo da memoria cultural de Galicia, polo que conservala significa respectar as raíces, os xestos e os sons que acompañaron xeracións. Con todo, a tradición só se mantén forte cando dialoga co presente, e a mostra reivindica que innovar en materiais, técnicas e formas de interpretación non implica romper co herdado, senón darlle novas posibilidades de futuro. “A pandeireta galega. Actualización dun instrumento ancestral” achega o labor de mestres artesáns, músicos e estudosos da pandeireta a través dunhas xornadas-exposición valiosas como recurso pedagóxico que fomentan e proxectan esta parte do patrimonio sonoro galego. Tamén busca contribuír aos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia con documentos históricos e de nova creación para que, ao igual que se fixo coas gravacións de Dorothé Schubarth e Antón Santamarina, se poñan á disposición da sociedade.
Relatorios
A sesión de inauguración da exposición veu da man do relatorio “O instrumento hoxe. Métodos e novas técnicas de interpretación, uso e enfoque dos toques tradicionais”, no que Suso Vaamonde amosou os primeiros estudos acústicos do instrumento que pasarán a formar parte dos fondos do Arquivo Sonoro de Galicia e se presentou o método “Nova técnica de pandeireta galega”. Tamén se afondou sobre “A cega de Miranda e a mudanza dos roles: pandeireteiros na vida da mítica cantareira”, da man de Ricardo Polín, que presentou o estudo “Dolores, A Cega de Miranda (na súa noite máis clara)”. Finalmente, Arturo Lamas Braña impartiu o relatorio “A percusión de man no Real Coro Toxos e Froles de Ferrol”.
