A Deputación abre o mércores o prazo para inscribirse nos obradoiros de Entroido no Museo de Pontevedra para nenas e nenos de 7 a 12 anos
O martes 17 e o mércores 18 de febreiro as nenas e nenos participantes crearán os seus retratos iluminados, inspirándose na exposición sobre fotografía do século XIX
30/01/2026
A Deputación organiza no Museo de Pontevedra este Entroido dous obradoiros dirixidos a nenas e nenos de 7 a 12 anos. A actividade organizarase en dúas quendas: unha o martes 17 de febreiro e outra o mércores 18, ambos días de 11:30 a 13:30 h. Cada unha das quendas conta con 15 prazas e abrirase o prazo de inscrición o mércores 3 de febreiro, ás 10:00 h, a través da web museo.depo.gal.
O obxectivo do obradoiro é que as nenas e nenos coñezan as orixes da fotografía e contemplen a cidade decimonónica a través da exposición ‘Debuxar coa luz. A fotografía en Pontevedra no século XIX’. Deste xeito, en primeiro lugar, realizarase unha visita á exposición, onde as e os participantes terán que atopar nas fotografías aqueles elementos construtivos que desapareceron da nosa paisaxe urbana e as transformacións que se aprecian na actualidade.
Logo, tras unha breve explicación sobre a orixe da fotografía e da súa base na pintura, farase un retrato na liña dos que aparecen nas miniaturas (poses, vestimentas, adornos etc.) para rematar decorándoo cun marco ou un estoxo, simulando os daguerrotipos da época.
