A Deputación tingue o seu Pazo Provincial de amarelo con motivo do Día Mundial da Endometriose
A institución súmase á iniciativa promovida por “querENDO” para apoiar ás mulleres con esta enfermidade alumeando o Pazo entre este venres e sábado
13/03/2025
A Deputación de Pontevedra tinguirá de amarelo o seu Pazo Provincial desde este venres 14 de marzo ás 19:30 horas, ata as 7:30 horas do 15 de marzo ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Endometriose, unha patoloxía crónica que afecta a unha de cada dez mulleres en idade fértil. Deste xeito, a institución súmase ás reivindicacións de “querENDO”, Mulleres con endometriose, para conmemorar esta data e dar visibilidade a todas aquelas que a padecen.
O Día Mundial da Endometriose celébrase o 14 de marzo co obxectivo de informar ao conxunto da sociedade sobre os síntomas desta enfermidade sistémica crónica, a súa diagnose e os diferentes tratamentos existentes. Trátase dunha patoloxía de causa descoñecida que afecta a 180 millóns de mulleres en todo o mundo e que consiste no crecemento de tecido endometrial fóra do útero que pode producir fortes dores.
A asociación “querENDO” xurdiu no ano 2015 e actúa no ámbito galego co fin de axudar ás mulleres afectadas con endometriose e promover tanto a investigación sobre a enfermidade como actividades socio-sanitarias para dar a coñecer este doenza. Estipúlase que Galicia conta con preto de 60.000 afectadas con esta enfermidade crónica e debilitante. O aumento da concienciación sobre esta doenza está a facilitar a súa detección precoz aínda que, de media, tárdanse entre 8 e 10 anos, despois dos primeiros síntomas, en obter a súa diagnose.