A Deputación ilumina o seu Pazo Provincial de vermello con motivo do Día Mundial da Hemofilia

A institución súmase á iniciativa promovida polo Federación Mundial da Hemofilia e que ten lugar o 17 de abril para conmemorar o nacemento do seu fundador, Frank Schnabel

15/04/2025

A Deputación de Pontevedra tinguirá de vermello o seu Pazo Provincial desde a noite deste xoves e ata o venres pola mañá ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Hemofilia. A institución provincial súmase así ás reivindicacións da Federación Mundial da Hemofilia, que pretende nesta data promover a conciencia e a comprensión sobre esta doenza.

O lema escollido neste 2025 é "Acceso para todos: Mulleres e nenas tamén sofren hemorraxias", co que se quere reivindicar a necesidade de atender e diagnosticar axeitadamente as mulleres e nenas con trastornos da coagulación. A hemofilia é unha doenza hereditaria relacionada coa coagulación do sangue, que afecta en España a máis de 3.000 persoas e en Galicia a unhas 300.

O Día Mundial da Hemofilia celébrase o 17 de abril en conmemoración da data de nacemento do fundador da Federación Mundial da Hemofilia, Frank Schnabel, un home de negocios de Montreal nado con hemofilia A grave e cuxa visión era mellorar o tratamento e atención dos centos de milleiros de hemofílicos do conxunto do planeta.