A Deputación ilumina o seu Pazo Provincial de azul e amarelo con motivo do Día Mundial da Síndrome de Down
A institución súmase á iniciativa promovida pola Federación Down Galicia, uníndose á campaña #TanComoTú lanzada a nivel estatal co obxectivo de dar visibilidade a dar
19/03/2025
A Deputación de Pontevedra tinguirá de azul e amarelo o seu Pazo Provincial desde a noite do xoves 20 ata a mañá do sábado 22 de marzo ao abeiro da conmemoración do Día Mundial da Síndrome de Down. A institución provincial súmase así ás reivindicacións de Down Galicia, que quere nesta data promover a conciencia e a comprensión sobre este trastorno xenético entre a opinión pública.
A proposta forma parte da campaña #TanComoTú lanzada neste 2025 polas asociacións Down de España para dar visibilidade á vida real das persoas con trisomía 21 e mostrar que senten, pensan e actúan “tan coma ti, tan como todos”. Para a Deputación é vital construír unha sociedade verdadeiramente inclusiva, algo que só se pode conseguir coa implicación, participación e solidariedade de todas as persoas.
O Día Mundial da Síndrome de Down celébrase o 21 de marzo co obxectivo de fomentar o coñecemento e a comprensión entre a poboación. Trátase dunha oportunidade para realzar os dereitos das persoas con esta síndrome, garantindo a súa capacidade para vivir unha vida plena e digna, e tamén para participar como cidadáns activos nas súas comunidades e na sociedade en xeral.
