A Deputación reúne tres premios nacionais de poesía no arranque da segunda edición de Mulleres de palabra(s)

Rafa Domínguez sinalou na apertura do programa que ó obxectivo do organismo provincial é “poñer en valor as escritoras para construír referentes e que as mozas teñan espellos nos que mirarse”

28/03/2026

A Deputación reúne tres premios nacionais de poesía no arranque da segunda edición de Mulleres de palabra(s)

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, asistiu este sábado no Pazo provincial á primeira acción da segunda edición do programa Mulleres de palabra(s), unha iniciativa que busca reivindicar a palabra das mulleres escritoras do pasado e do presente, así como crear espazos compartidos nos que fomentar a lectura, descubrir voces femininas, a conversa, a escoita colectiva e a reflexión con perspectiva de xénero. A Deputación reuniu as últimas tres mulleres en recibir o Premio Nacional de Poesía, Miriam Reyes, Chus Pato e Yolanda Castaño, co gallo do Día Mundial da Poesía que se celebrou o pasado 21 de marzo, cunha conversa e recital dos seus poemas.

O vicepresidente sinalou que esta xornada de apertura serve para “conmemorar unha das nosas formas máis fermosas da expresión e da nosa identidade, como é a poesía”. Domínguez celebrou que Reyes, Pato e Castaño “sexan grandes expoñentes da creación cultural: que os tres últimos nacionais sexan mulleres e galegas amosa a fortaleza desta disciplina especialmente na nosa terra e con voz de muller”.

Tamén lembrou o vicepresidente que o programa consta de encontros, en formato de conversa, obradoiros ou recitais, que responden á necesidade de “poñer en valor as mulleres, escritoras pero tamén doutros ámbitos profesionais, para construír referentes e que as nosas nenas e mozas teñan espellos nos que mirarse”. De feito, esta “necesidade de chegar á mocidade” motivou unha das principais novidades do programa: “a creación dunha biblioteca ambulante que percorrerá os centros de ensino da provincia coas recomendacións literarias e as obras das autoras da primeira edición do programa”, co que se fomentarán, ademais, clubs de lectura e encontros co alumnado.

Mulleres de palabra(s) é un ciclo de encontros que forma parte do Ateneo Provincial pola Igualdade co obxectivo de dar visibilidade ás mulleres na ciencia, na arte ou na cultura. Este circuíto levará por sete concellos de toda a provincia a mulleres da escrita como Dores Tembrás, que ofrecerá todos os xoves do mes de abril un obradoiro para ler poesía no Edificio Administrativo da Deputación. As actividades continuarán en maio, da man de Arantza Portabales, que protagonizará unha conversa en Marín (auditorio municipal), e en xuño con Andrea Fernández Plata, que dirixirá un obradoiro de cerámica na Lama (espazo Fundación Ofirvida). O ciclo continuará en setembro no Palacete das Mendoza coa poeta Antía Otero e a cantante Guadi Galego, co recital con música en directo “Escribir e cantar: a música das palabras”, e clausurarase o 17 de outubro para celebrar o Día das Escritoras cunha sesión de lectura coa escritora María Sánchez.

Galerias de imaxes

videos