A Deputación e a Xunta abordan co equipo de César Portela a futura obra do Teatro Cine Fraga
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participa na reunión na que, en coordinación coa Xunta de Galicia, se proxecta a culminación da finalización dos traballos deste edificio co equipo responsable do proxecto orixinal
23/07/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou hoxe na reunión que a Xunta de Galicia e a Deputación provincial mantiveron co equipo técnico do arquitecto César Portela para coordinar a futura obra do Teatro Cine Fraga de Vigo. Nesta xuntanza de traballo avanzouse que a vindeira semana estarán rematados os pregos de contratación que permitirán que o autor do proxecto orixinal e director da obra executada, César Portela, finalice os traballos para a apertura do edificio.
Con motivo deste encontro, a vicepresidenta provincial asegurou que a actuación “entra nunha fase que non ten volta atrás para abrir este edificio aos vigueses e ás viguesas” e salientou que “o traballo conxunto de ambas administracións vai significar que este emblema da cidade de Vigo será un edificio onde exhibicións, artes escénicas, audiovisuais e literarias confluirán nunha programación de calidade e referencia a nivel nacional”.
O procedemento abordado nesta reunión ten como obxectivo culminar a finalización dos traballos do edificio como un espazo arquitectónico flexible e polivalente que favoreza a produción, a experimentación e a divulgación de contidos no eido escénico, musical, audiovisual e literario, ademais dun espazo expositivo no que, entre outras finalidades, se recoñecen os vencellos deste edificio co desenvolvemento do cinema en Vigo e en Galicia. Neste senso, os Gobernos autonómico e provincial xa teñen deseñado o plan de usos destinado a converter este emblemático inmoble nun referente cultural de primeiro nivel.
As liñas estratéxicas destes traballos foron desenvolvidas a partir da campaña “O mellor espazo busca o mellor contido”, impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, que proporcionou, a través dunha caixa de correo virtual e de reunións presenciais, máis de 200 propostas da cidadanía e a comunidade cultural. Estas achegas promoveron, no marco dunha programación ambiciosa e de calidade, a inclusión de residencias artísticas, actividades e obradoiros dirixidos á infancia e á mocidade que fomenten a creatividade e a experimentación relacionadas coa escritura creativa, a composición musical e a produción audiovisual.
