A Deputación pon en marcha unha enquisa para que a mocidade de entre 15 e 34 anos colabore na elaboración do I Plan Provincial Estratéxico de Xuventude
A enquisa, que estará dispoñible na web da institución provincial entre decembro e xaneiro de 2025, aborda cuestións claves como a vivenda, o transporte, o rural ou a participación xuvenil en iniciativas públicas e asociacións civís
29/11/2024
A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha unha enquisa para a mocidade de entre 15 e 34 anos, co obxectivo de recoller información para elaborar o I Plan Estratéxico Provincial de Xuventude. A enquisa aborda cuestións claves como a vivenda, o transporte, o rural ou a participación xuvenil en iniciativas públicas e asociacións civís, estará dispoñible entre decembro e xaneiro de 2025 e poderase cubrir a través da web da Deputación, das redes sociais ou escaneando o código QR que se atopa nos carteis repartidos en distintos puntos dos concellos da provincia.
“Para nós é moi importante acadar información sobre as necesidades, preocupacións e inquedanzas da mocidade, para elaborar un Plan Estratéxico que reflicta as súas necesidades reais e construír unha provincia chea de oportunidades para eles e elas”, asegurou o presidente provincial Luis López ao respecto desta enquisa, da que xa se dou conta durante a gala de entrega dos Premios Provinciais da Xuventude.
Co fin de incentivar a participación, a Deputación sorteará dous premios entre aqueles mozos mozas que respondan con sinceridade, que consistirán en dúas entradas de balde para un dos festivais que pertencen aos Rías Baixas Fest e nunha tableta Lenovo.
