A Deputación leva ás Neves un concerto da Banda de Música Municipal e a Orquestra Clásica de Valga enmarcado en Entradiñas de Aninovo
O ciclo de concertos chegará o día dos Reis Magos ao Auditorio municipal das Neves cun espectáculo que combina a alegría do Nadal e o Aninovo
03/01/2026

A Deputación de Pontevedra leva ao Auditorio municipal das Neves, coincidindo co Día dos Reis Magos, un espectáculo musical enmarcado na segunda edición de Entradiñas de Aninovo, o ciclo de concertos do organismo provincial que está a percorrer a provincia ata o 17 de xaneiro de 2026. Tralos concertos celebrados en Vigo, Lalín e Forcarei, o ciclo continúa o próximo martes ás 18:00 horas da man do “Concerto ao Lecer” que ofrecerán conxuntamente a Banda de Música e mais a Orquestra Clásica de Valga no Auditorio de Soutelo de Montes.
As dúas agrupacións ofrecerán un concerto que combina a tradición coa alegría do Nadal e do Aninovo, perfecto para esta temporada festiva. Ambas as dúas xorden das agrupacións de cámara da Escola Municipal de Música de Valga, establecida en 1996. Desde o seu debut participaron en certames, festivais e concertos por Galicia, España, Portugal e América. Tanto a banda como a orquestra levan dirixidas desde a súa creación por Manuel Villar Touceda, un destacado director de orquestra e banda cunha traxectoria consolidada no ámbito musical galego. A Banda de Música e a Orquestra Clásica de Valga tamén actuarán en Barcia de Mera (Covelo) e xa pasaron por Forcarei.
A Deputación de Pontevedra está a organizar esta serie de concertos especiais en espazos dos concellos da provincia coa finalidade de que as familias poidan deleitarse de novo coa música clásica, tradicional e popular, cun repertorio participativo e acaído para esta época do ano. O título está tirado dun verso dunha copla popular de Nadal, “Ayes de mi país, o cancioneiro de Marcial Valladares”, publicado por José Luís do Pico Orjais e Isabel Rei Sanmartim: “Despedida de ano vello / entradiña de aninovo / os señores desta casa / as conten con grande gozo”.