A Deputación leva este luns a Agolada o Circuíto +Escénicas cun espectáculo de monicreques
“Cocer e cantar”, de Seisdedos Marionetas Tradicionais, representarase ás 19:00 horas no Auditorio municipal
03/01/2026
A Deputación de Pontevedra leva este luns 5 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao concello de Agolada da man do espectáculo de monicreques “Cocer e cantar”, a cargo de Seisdedos Marionetas Tradicionais. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
“Cocer e cantar”, que se representará no Auditorio municipal ás 19:00 horas, conta como dous músicos metidos a cociñeiros deciden facer unha sopa de cocido solidaria para repartir entre o público infantil de Agolada. Un pequeno erro de interpretación na receita provoca que o resultado sexa unha riquísima sopa de música, cantigas e contos, na que aparecerán tropezóns como o gato do romance, unha ratiña moi presumida e todos os seus pretendentes, os habitantes dun peculiar galiñeiro e ata unha parella moi especial.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta á demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
