A Deputación leva este domingo o ciclo +Escénicas a Forcarei cun espectáculo de pompas de xabón para todos os públicos
O espectáculo “Os fabulosos cleaners” representarase a cargo da compañía de teatro Malasombra no Auditorio de Soutelo de Montes ás 17:30 horas
02/01/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 4 de xaneiro o circuíto +Escénicas a Forcarei da man dun espectáculo familiar de pompas de xabón a cargo da compañía de teatro Malasombra. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
O espectáculo "Os fabulosos cleaners" de Malasombra representarase no Auditorio de Soutelo de Montes a partir das 17:30 horas e está pensado para todos os públicos. Esta experiencia visual con pompas de xabón está creada por Luis Beviá e Xoque Carbajal, dirixida por Marcos Orsi e Xoque Carbajal e interpretada por Xoque e Jouse García. A proposta conta como dous operarios da limpeza do teatro descobren por casualidade as posibilidades que lles ofrecen as súas ferramentas de traballo combinadas con auga e xabón. Os personaxes emprenderán así unha viaxe conducidos polas burbullas: pompas transparentes, con fume, con vapor, pequenas, grandes, estáticas ou voando polo escenario para que os espectadores camiñen por un mundo máxico, cheo de cor e moito humor.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional vén facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira edición, entre abril de 2025 e marzo de 2026 representaranse un total de 136 funcións, escollidas entre un catálogo de espectáculos dispoñible no sitio web da Deputación de Pontevedra, en 50 concellos da provincia de Pontevedra.
