A Deputación de Pontevedra cofinanciará a reforma do campo de fútbol de A Granxa con máis de 196.000 euros

A xunta de goberno aprobará este venres a concesión desta achega ao Concello de Moaña para asumir con fondos provinciais o 40% do orzamento da actuación

24/03/2026

A Deputación de Pontevedra cofinanciará a reforma do campo de fútbol de A Granxa con máis de 196.000 euros

A Deputación de Pontevedra cofinanciará a reforma do campo de fútbol de A Granxa, en Domaio, mediante unha achega de 196.452,35 euros que correrá a cargo do III Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas (PEID), dirixido aos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes. Así o anunciou este martes a vicepresidenta e deputada de Deportes, Luisa Sánchez, durante unha visita a estas instalacións deportivas, na que estivo acompañada da alcaldesa da vila, Leticia Santos, de membros da directiva do Domaio FC e de diferentes representantes da corporación municipal.

A representante provincial informou de que a xunta de goberno provincial aprobará este venres a devandita axuda, que representa o 40% do presuposto preciso para acometer a actuación. Salvo que concorra a algunha outra axuda compatible co PEID, o Concello de Moaña achegará o importe restante: 296.250,53 euros. Así, o total da remodelación ascenderá a 492.702,88 euros.

O proxecto contempla a substitución do céspede artificial existente por un novo sistema de altas prestacións, sen cargas nin recheos, que mellorará a seguridade e a calidade do terreo de xogo.

Ademais, inclúese a mellora do sistema de rego, que será automatizado e contará con novos elementos como canóns emerxentes, así como a renovación do alumeado deportivo mediante tecnoloxía LED de alta eficiencia enerxética.

As actuacións tamén abranguen traballos previos de desmontaxe e reposición do equipamento deportivo, así como a execución de novas canalizacións eléctricas e hidráulicas, garantindo o correcto funcionamento das instalacións.

Luisa Sánchez celebrou que o campo de fútbol de A Granxa vaia ser obxecto dunha “renovación substancial” grazas aos investimentos da Deputación de Pontevedra, que volve demostrar “a súa aposta decidida” polo deporte. “Este tipo de investimentos son fundamentais para garantir instalacións de calidade para os nosos clubs. Non só para os equipos sénior senón tamén para toda a base que moven as entidades deportivas da provincia”, aseverou.

Por último, salientou a atención que presta o organismo provincial “ás demandas de todos os municipios, independentemente de quen goberne neles”, xa que foi o Concello de Moaña quen solicitou a colaboración da Deputación de Pontevedra para poder executar esta mellora. “Aquí está comprometida”, concluíu.

Galerias de imaxes