A Deputación de Pontevedra recoñece a Amencer-Aspace, Alborada e Guadalupe Egido Pérez nos II Premios Sociais polo seu labor cos colectivos máis vulnerables

A institución provincial tamén galardoou ao Plan Comunitario de Teis e á Asociación Juan XXIII pola súa traxectoria, e a Son das Flores e ASANOG polo impacto dos seus proxectos

17/03/2026

A Deputación de Pontevedra recoñece a Amencer-Aspace, Alborada e Guadalupe Egido Pérez nos II Premios Sociais polo seu labor cos colectivos máis vulnerables

A Deputación de Pontevedra celebrou este martes no Centro Príncipe Felipe a gala de entrega dos II Premios Sociais, un acto co que a institución provincial recoñece o labor das entidades e persoas que traballan polos colectivos máis vulnerables. Na cerimonia participaron a vicepresidenta, Luisa Sánchez, o vicepresidente, Rafa Domínguez, e a deputada de Benestar Social, Paula Bouzós.

A Deputación de Pontevedra distinguiu a tres entidades que destacan pola súa traxectoria. Neste eido, o primeiro premio foi para a asociación Amencer-Aspace, referente galego na atención a persoas con parálise cerebral e ás súas familias, cunha expansión continuada de servizos e centros de atención integral en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía, incorporando tecnoloxía con robótica para mellorar a autonomía dos usuarios.

O segundo galardón recaeu no Plan Comunitario de Teis, onde a veciñanza do barrio vigués se erixe en protagonista do seu propio benestar, traballando en rede e a través de comisións por áreas cunha metodoloxía centrada na participación cidadá. Mentres, o terceiro premio foi para a Asociación Juan XXIII, pioneira na atención a persoas con discapacidade intelectual, que ao longo das décadas foi ampliando servizos e centros en Pontevedra e Cangas, beneficiando tanto ás persoas usuarias como ás súas familias.

Na categoría de proxectos ou iniciativas que destacan polo seu impacto social, o primeiro premio foi para o proxecto Aférrate, da asociación viguesa Alborada, centrado na prevención da conducta suicida. Este programa aposta por mellorar a calidade de vida a través da natureza, o contacto social e actividades como sendeirismo, horticultura, paseos ao aire libre ou o exercicio físico.

A segunda distinción concedeuse á asociación viguesa Son das Flores, que utiliza a música como ferramenta de transformación social para menores en risco de exclusión, fomentando aprendizaxe activa e participativa a través de orquestra e coro. O terceiro galardón foi para a iniciativa Ponte Diversa, da Asociación de Cáncer Infantil e Xuvenil de Galicia (ASANOG), que presta atención social e tempo de lecer inclusivo na unidade de oncoloxía pediátrica do Hospital Público Álvaro Cunqueiro, garantindo que nenos e adolescentes con cancro continúen vivindo a infancia plenamente e que as súas familias reciban acompañamento integral.

Finalmente, a Deputación rendeu unha homenaxe á traxectoria profesional de Guadalupe Egido Pérez, quen recibiu o premio a toda unha vida profesional dedicada ao eido social. Guadalupe Egido destacou en múltiples ámbitos, traballando con menores e persoas con discapacidade ou con persoas en situación de vulnerabilidade. Ademais, promoveu o Comedor Social da Misión do Silencio en Vigo e impulsou o primeiro albergue para mulleres sen fogar.

Dedicación

Durante a intervención que pechou a gala, Luisa Sánchez subliñou que estes premios naceron “para recoñecer a traxectoria de entidades que levan anos -mesmo décadas- construíndo oportunidades para outras persoas”. Así mesmo, a vicepresidenta salientou que detrás de cada proxecto social hai “dedicación, empatía, vocación e unha firme crenza nunha sociedade máis xusta”.

Igualmente, gabou o traballo das entidades premiadas e de todo o tecido social da provincia, asegurando que “o cambio social real non se constrúe desde os despachos, senón desde o contacto directo coas persoas”. Neste sentido, reafirmou o compromiso da Deputación de Pontevedra coas políticas sociais que “camiñan da man das entidades e das persoas”.

Preto de 25 millóns anuais para benestar social

A celebración destes premios coincide co reforzo da aposta da institución provincial polo benestar social. A Deputación de Pontevedra dedica 24,3 millóns de euros anuais a este ámbito, dos cales 7,6 millóns corresponden á propia área de Benestar Social e 16,6 millóns ao Centro Príncipe Felipe, que este ano celebra o seu 50º aniversario.

As instalacións de Montecelo atenden máis de 200 menores e contan cun equipo de máis de 200 profesionais que prestan servizos educativos, asistenciais, sanitarios e sociais.

Ademais, a Deputación de Pontevedra destina arredor de 2,5 millóns de euros a entidades sociais e desenvolve programas que chegan cada ano a máis de 20.000 persoas.

Galerias de imaxes

videos