A Deputación pon o colofón á 32ª Bienal de Arte coa inauguración de dúas obras de Soledad Penalta e Idoia Cuesta que adquiriu para a Illa das Esculturas
O vicepresidente Rafa Domínguez destaca que o acto de hoxe demostra que a Bienal non é un evento illado, senón un proxecto ambicioso para a cidade e para a provincia
23/04/2026
A Deputación acaba de poñer o colofón á 32ª Bienal de Pontevedra coa inauguración das obras ‘Mirando inacabable’ de Soledad Penalta e ‘El peso de la memoria’ de Idoia Cuesta. A institución provincial adquiriu estas obras de grandes dimensións para a súa instalación na Illa das Esculturas, como parte da edición coa que se recuperou a Bienal despois de 15 anos de ausencia, e que por cuestións técnicas non se puideron instalar ata agora.
O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, foi o encargado de inaugurar as esculturas, acompañado do concelleiro de Cultura do Concello de Pontevedra, Demetrio Gómez; a directora territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Isabel Couselo Torres; o comisario da edición pasada da Bienal, Antón Castro; a directora do Museo de Pontevedra, Ángeles Tive; e as propias artistas. Domínguez salientou na súa intervención que o acto de hoxe demostra que a Bienal non é un evento illado, senón un proxecto ambicioso para a cidade e para a provincia. “Creo que superamos con creces os obxectivos que nos marcáramos. O principal era recuperala e diso non hai dúbida porque xa estamos traballando na de 2027 e despois haberá que traballar na do 29 e na do 31. Pero había outros obxectivos e un dos definidos polo comisario desde o primeiro momento era recuperar esta Illa das Esculturas”.
O vicepresidente incidiu na importancia que a instalación destas obras ten para a cidade: “creo que isto vai facer que máis xente se achegue a Pontevedra e a Illa das Esculturas e vexan todas as obras. É unha forma de revitalizar o proxecto, traer dúas grandes artistas para que dialoguen coa contorna e cos outros grandes artistas que aquí estiveron, e creo que o conseguimos”. Domínguez concluíu reivindicando que a “Bienal vén a permanecer en Pontevedra, e estas obras van permanecer ao longo da historia desta cidade”.
Pola súa banda, a directora do Museo, Ángeles Tilve, salientou que “a Bienal é un proxecto continuo, e estas esculturas funcionan como unha ponte entre a edición pasada e a que xa estamos preparando para 2027. A súa permanencia na Illa das Esculturas recórdanos que este é un proxecto que aspira a perdurar, que vai máis alá dun evento puntual”. Sobre as obras presentadas, Tilve valorou que “mentres a peza de Soledad Penalta nos mira desde arriba, desde un horizonte que a pedra trata de alcanzar sen conseguilo de todo; a de Idoia Cuesta báixanos á terra, ao corpo, ao peso concreto do que fomos. Xuntas, forman un arco: o que voa e o que arraiga”.
Dúas novas esculturas
As esculturas hoxe inauguradas encádranse na temática ‘Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais’, que marcou a 32ª edición da Bienal de Pontevedra, que a Deputación recuperou o verán pasado despois de 15 anos de ausencia. Están situadas na Illa das Esculturas, un proxecto de arte na paisaxe impulsado por Rosa Olivares e Antón Castro que se materializou en 1999 na illa do Covo, na cidade de Pontevedra. Natureza, arte e paisaxe fúndense nunha exposición permanente ao aire libre, na que figuran 12 esculturas de pedra de artistas de referencia a nivel internacional, entre eles Giovanni Anselmo, Dan Graham, Francisco Leiro e Richard Long, ás que agora se suman as de Penalta e Cuesta.
‘Mirando inacabable’, de Soledad Penalta, é unha escultura monumental que apunta ao infinito a través dunha sucesión de formas modulares en granito que remiten vagamente á xeometría de avións de combate. Reflicte o conflito contemporáneo ao mostrar a tensión e inseguridade da nosa época e a fraxilidade ante un futuro incerto.
Soledad Penalta (Noia, 1943) é unha das escultoras máis destacadas da súa xeración. A súa carreira caracterízase pola exploración con diferentes materiais, que van desde a cerámica ata o metal, o ferro, o aceiro e, máis recentemente, o granito. Penalta traballa cos materiais, escoitándoos e interpretándoos, creando formas que fusionan o humano e o vexetal. Ademais, incorpora a palabra como parte fundamental da súa arte, traballando con textos de autores como Omar Jayam e Jorge Oteiza.
‘El peso de la memoria’ é unha figura de pedra de máis de tres metros de altura que Idoia Cuesta pensou para a Illa das Esculturas. A súa forma lembra un corpo humano en tensión, coma se tentase avanzar, manterse erguido ou alzar a voz. Varias cordas de cor vermella, tecidas á man, envólveno por completo, inmobilizándoo. A obra constrúese desde unha relación directa co corpo e coa materia, e o xesto de trenzar, apertar ou suxeitar cárgase de sentido.
O traballo de Idoia Cuesta (San Sebastián, 1969) sitúase no cruzamento entre a artesanía, a arte contemporánea e a investigación sobre as formas e a materia. A súa formación en bioloxía marcou o inicio dunha mirada analítica que soubo trasladar á súa práctica artística. Na cestería desenvolveu unha linguaxe propia a partir de materiais naturais e procedementos tradicionais. Establecida no rural de Galicia, as súas pezas funcionan como ferramentas para repensar o corpo, o territorio e a memoria. Nelas, o xesto de trenzar, anoar ou envolver adquire unha dimensión simbólica e política.
