Luis López anuncia que a Deputación celebrará a Gala do Deporte da provincia de Pontevedra o próximo venres en Vigo baixo o lema “Son porque somos”

O encontro deste ano, o 23 de outubro ás 19:00 horas no IFEVI, porá o foco no feito de que “ningún deportista se constrúe só, senón grazas ás persoas e as entidades que os apoian”

16/10/2026

Luis López anuncia que a Deputación celebrará a Gala do Deporte da provincia de Pontevedra o próximo venres en Vigo baixo o lema “Son porque somos”

Luis López anunciou que a Deputación de Pontevedra celebrará o próximo venres 23 de outubro ás 19:00 horas no Instituto Feiral de Vigo a Gala do Deporte da provincia de Pontevedra. O presidente provincial avanzou que o lema deste ano será “Son porque somos”, que representa “o feito de que ningún deportista se constrúe só, senón grazas ás persoas e as entidades que os apoian”. Estas persoas e entidades conforman “unha rede que forma parte de algo maior: unha provincia que construímos entre todos, a provincia do deporte”, sinalou Luis López.

O presidente da Deputación informou de que a institución provincial reunirá o próximo venres no IFEVI distintas entidades e deportistas da provincia, nun encontro que tamén contará con exhibicións de varias disciplinas deportivas e no que a Deputación outorgará o seu habitual recoñecemento a unha figura destacada do deporte pontevedrés.

Tal como sinalou Luis López, “como todos os anos, será un evento no que queremos que os verdadeiros protagonistas sexan todas esas persoas que fan que a provincia de Pontevedra sexa a provincia do deporte”. O evento será retransmitido en directo por streaming no portal Depo Play.

audios