Luis López confirma que o turismo estranxeiro segue a medrar na provincia de Pontevedra, cun incremento en marzo do 9% con respecto ao mesmo mes do 2024

Preto do 30% dos turistas que visitaron a provincia foron internacionais. En total, 22.500 persoas procedentes do estranxeiro visitaron Rías Baixas en marzo

25/04/2025

Luis Lóepz na conferencia de prensa do 25 de abril

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acaba de dar conta dos resultados turísticos correspondentes ao mes de marzo deste ano e que confirman que o turismo estranxeiro segue a medrar na provincia, cun incremento do 9% con respecto ao mesmo mes do 2024. “Trátanse de datos que proveñen do Instituto Nacional de Estatística e, polo tanto, información real e contrastada do que aconteceu o mes anterior neste importante sector para a nosa economía”, subliñou López quen enxalzou que “a aposta pola internacionalización do noso destino, obxectivo da nosa estratexia turística, vai pouco a pouco dando resultados”.

Tal e como informou o presidente, preto do 30% dos turistas que visitaron en marzo deste ano a provincia foron internacionais. En total foron 22.500 as persoas procedentes do estranxeiro que se achegaron ata Rías Baixas o pasado mes o que supón un incremento do 9% con respecto ao ano pasado. O 70% restante correspóndese con turistas procedentes do conxunto de España e a provincia concentrou en marzo o 30% dos visitantes que chegaron a Galicia.

Para Luis López “o turismo é un dos sectores económicos máis importantes da nosa provincia e sabemos que traballar na súa internacionalización e desestacionalización é avanzar na construción dunha provincia con máis oportunidades”. Neste eido, manifestou sentirse orgulloso de ver “como mes a mes continúa a medrar a porcentaxe de visitantes procedentes do estranxeiro o que revalida que o traballo que iniciamos coa promoción no estranxeiro e coa participación en feiras internacionais como Fitur en Madrid ou en Londres e Berlín, e seguiremos impulsando nos próximos anos, vai dando resultados”.

Gala de Turismo

O próximo martes, 29 de abril, ás 19:30 horas terá lugar no Pazo da Toxeiriña de Moraña a Gala de Turismo, que será retransmitida en streaming a través da web institucional. “Trátase –tal e como indicou o presidente- da primeira vez na historia da Deputación de Pontevedra que esta Gala ten lugar no interior da provincia, en sintonía coa campaña de promoción que lanzamos este ano, Cando volves?”

A Gala, segundo adiantou Luis López, será “dinámica e participativa” e xirará arredor dos eixos e das pezas audiovisuais da campaña promocional impulsada pola Deputación neste 2025. Contará coa actuación musical de Montedapena, estará conducida pola xornalista Rocío Delgado e servirá tamén para render homenaxe ás empresas da provincia co distintivo de calidade SICTED nun ano no que, ademais, se cumpren 20 anos da implantación deste selo de calidade turística na provincia. “Ao igual que a internacionalización e a desestacionalización, a calidade é outro dos obxectivos prioritarios que temos marcado na nosa estratexia turística así que seguimos, avanzamos, para que esta provincia continúe a ser o grande referente e puntal turístico de Galicia, de España e tamén a nivel mundial”, subliñou López.

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.