Luis López pon en valor o papel da Deputación de Pontevedra como aliada para a protección e a recuperación do Entroido na provincia

A institución provincial colabora da man dos concellos e das asociacións culturais para manter vivo un ben de interese cultural do patrimonio inmaterial que conta na provincia con tres Festas de Galicia de Interese Turístico

13/02/2026

deputado de Fondos Europeos, Javier Tourís

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, puxo en valor este venres o papel da institución provincial como garante da protección do Entroido na provincia de Pontevedra. “Somos conscientes da súa relevancia cultural e do seu asentamento entre a poboación”, asegurou o presidente, que lembrou que o Entroido é “un dos maiores bens culturais da provincia de Pontevedra e de Galicia, e un dos grandes atractivos culturais que contribúen a descentralizar e desestacionalizar o destino Rías Baixas” con propostas que falan ao mesmo tempo da tradición e da modernidade do territorio.

Na provincia atópanse tres dos 11 entroidos galegos con recoñecemento turístico: o Entroido de Cobres (Vilaboa), os Xenerais da Ulla (oito concellos, entre eles A Estrada, Silleda e Vila de Cruces) e o Enterro da Sardiña de Marín, Festas de Galicia de Interese Turístico. Pero a tradición desta festa (Ben de interese cultural do patrimonio inmaterial desde 2025) atravesa as coordenadas da provincia. Por iso, ademais de actuar para protexelo, “tamén axudamos a recuperar entroidos tradicionais como o de Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, que se volveu celebrar en 2025 tras máis de 60 anos de parón”. A emigración, o abandono do campo e os cambios na vida rural fixeron que se deixase de celebrar esta festa que marca o final do inverno e o inicio da Coresma, e que tamén era un ritual agrícola e social que celebraba a fertilidade da terra. “Isto fala tamén da atención que debemos dar a solucionar o reto demográfico”, sinalou Luis López.

A Asociación Cultural Entroido de Aguasantas estivo un ano entrevistando a veciñanza e consultando investigacións sobre a Momada (no que se basea) para reconstruír dun xeito fiel esta festividade. Foi ese labor, xunto coas axudas do programa provincial Culturea, os que permitiron devolver ao pobo un dos seus sinais de identidade compartida. “É precisamente este programa o que máis repercute no Entroido da provincia, no que soamente este ano se financian máis dun cento de actuacións de asociacións culturais de 35 concellos da provincia, cunha inxección de preto de 38.000 euros”, destacou o presidente da Deputación. Desde o servizo de Cultura, a Asociación Cultural de Cobres tamén recibe unha achega de 4.000 euros para protexer “o único entroido tradicional de Galicia cuxas personaxes principais (as madamas e os galáns) non levan ningún tipo de máscara”, salientou López.

Por outra banda, desde o servizo de Patrimonio Bibliográfico e Documental, a Deputación tamén apoia proxectos de edicións arredor do Entroido. No ano 2025 dedicáronselle 8.000 € a unha publicación e un audiovisual sobre o regreso da Momada, pero tamén se financiaron nos últimos anos proxectos relacionados coa figura do Merdeiro (do Entroido vigués), para a Asociación Etnográfica A Merdeira, ou sobre o entroido de Doade (Lalín), para a Asociación Etnográfica de Codeseda.

Ao igual que ás asociacións, a Deputación tamén apoia os concellos na súa programación de actividades do Entroido a través do Plan +Provincia. “Dentro da súa liberdade para escoller a que asuntos dedican o financiamento, son moitos os concellos que empregan os recursos da liña 2 (gasto corrente) para este tipo de actividades”. En 2025 “Catoira, Cerdedo-Cotobade, O Grove, A Lama e Soutomaior recibiron un total de 55.000 euros para enriquecer as súas programacións de Entroido”, informou o rexedor provincial.

Ademais, “na cidade que todos os anos chora o loro Ravachol”, a Deputación organiza por estas datas obradoiros no Museo de Pontevedra nos que a rapazada pode relacionar os elementos do Entroido coas súas coleccións tanto permanentes como temporais. As canles de Turismo Rías Baixas tamén promoven as múltiples citas desta festividade na provincia con contidos específicos no seu sitio web e publicacións en redes sociais “que dan boa mostra da súa riqueza e diversidade, porque cada Entroido é único e conta coas súas singularidades”, destacou Luis López.

Con todo isto, a Deputación de Pontevedra demostra coa súa acción ser “un dos garantes da protección e a recuperación do Entroido ao longo e ao ancho da provincia, desde as grandes urbes ata as parroquias das vilas máis pequenas”, asegurou o presidente, que puxo en valor que o Entroido “está aliñado cos nosos obxectivos estratéxicos”. Uns obxectivos, sinalou, que van desde “manter vivo algo que é tan noso, un elemento da nosa identidade” ata “consolidar a cultura como un dos maiores alicientes das Rías Baixas como destino turístico, nunha cita que reúne algúns dos puntos fortes de Pontevedra: a tradición, o lecer, a gastronomía e, por enriba de todo, o valor humano do noso pobo”.

videos

audios