Luis López súmase ao clamor do municipalismo español por un novo financiamento local xusto, suficiente e estable que considere a carga de servizos e o papel clave dos concellos

O mandatario provincial participa na sede da Deputación valenciana nas reflexións sobre o futuro do modelo de financiamento, onde tamén se abordou a petición ao Goberno central para que actualice as entregas a conta correspondentes á participación das entidades locais nos tributos do Estado

25/05/2026

Luis López na comisión de deputación e cabildos en Valencia

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de participar este luns en Valencia na reunión da comisión de deputacións provinciais, cabildos e consellos insulares na que puido constatar a unidade do municipalismo español na reclamación dunha reforma do sistema de financiamento local que logre un modelo xusto, suficiente e estable, e que considere a nova a carga de servizos que asumen as entidades locais e o papel clave que están a xogar os concellos na atención á cidadanía, en tanto que Administración máis próxima á cidadanía.

Luis López, vogal da comisión, foi recibido polo presidente da Deputación de Valencia, Vicente Mompó, na sede da institución provincial, onde se celebrou a reunión da comisión. A orde do día do encontro xirou arredor do sistema de financiamento local para aprobar tres propostas nas que o organismo reclama a modificación da Lei 7/1985 Reguladora das Bases do Réxime Local, a modificación do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais e a modificación da Lei de Contratos do Sector Público. Ademais, esta comisión asumiu como propia a declaración do Consello Municipalista Andaluz en defensa da autonomía local e a reivindicación dunha financiación local suficiente, e se abordou a necesidade de que o Goberno central actualice as entregas a conta correspondentes á participación das entidades locais nos tributos do Estado.

Estas reivindicación compartidas por todo o municipalismo español son as mesmas que o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, leva reclamando desde a súa toma de posesión como mandatario provincial e tamén son as mesmas que lle trasladan alcaldes e alcaldesas de distintos concellos da provincia no seu traballo diario de reunións e encontros cos rexedores.

Outros asuntos da orde do día deste encontro foron a presentación de Francisco Salado, presidente da Deputación de Málaga, como novo presidente da comisión de deputacións provinciais, cabildos e consellos insulares e a lectura das declaracións institucionais da Xunta de Goberno aprobadas desde a última reunión da comisión.

Galerias de imaxes