Luis López celebra que o pelotón de LaVuelta feminina reforce o idilio entre a proba e a provincia e apuntale un territorio ligado ao deporte, o turismo e a igualdade

O presidente da Deputación convida a todo o mundo a desfrutar o vindeiro 3 de maio da etapa inaugural de LaVuelta, que fai escala na provincia por terceiro ano consecutivo: “Houbo un antes e un despois desde que LaVuelta aterrou neste destino”

24/03/2026

Luis López celebra que o pelotón de LaVuelta feminina reforce o idilio entre a proba e a provincia e apuntale un territorio ligado ao deporte, o turismo e a igualdade

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, reafirma a condición das Rías Baixas como territorio “amigo” de La Vuelta na presentación da etapa inaugural da carreira feminina que se celebrará o vindeiro 3 de maio entre Marín e Salvaterra de Miño. A provincia do deporte volverá ser escenario este ano dun evento deportivo de ámbito internacional co paso por terceiro ano consecutivo dunha carreira de LaVuelta, neste caso a proba feminina, que reforza a aposta da Deputación polo turismo deportivo e por un destino que mestura á perfección e de xeito sustentable deporte e natureza. “Pontevedra é a provincia amiga de LaVuelta, do ciclismo e do turismo deportivo. Houbo un antes e un despois desde que LaVuelta aterrou neste destino. No 2024 e 2025 acollemos etapas de La Vuelta masculina e no 2026 chega o colofón, o que desexábamos, que era acoller unha etapa de La Vuelta feminina e ademais a primeira. Estamos moi orgullosos, satisfeitos e agradecidos”, declarou o mandatario provincial na presentación da proba.

Na alameda de Marín tivo lugar este martes a presentación da etapa inaugural da edición do 2026 da categoría feminina de La Vuelta. Un acto no que o mandatario provincial conversou coa directora xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana, sobre o impacto que teñen este tipo de acontecementos na provincia e no que tamén participaron as alcaldesas María Ramallo e Marta Valcárcel. A carreira celebrarase o vindeiro 3 de maio cun percorrido de 113 quilómetros con saída desde Marín e chegada en Salvaterra de Miño. “O conxunto dos 61 concellos que compoñen as Rías Baixas son verdadeiros paraísos para a práctica do ciclismo. Por primeira vez o pelotón collerá todo o Morrazo para seguir cara o interior do Condado e rematar á beira do Miño. Un espectáculo único nunha provincia que é única”, salientou o presidente.

O turismo deportivo é un piar estratéxico na promoción do modelo turístico que promove Rías Baixas, que busca a internacionalización, a descentralización, a desestacionalización e, sobre todo, a sustentabilidade. Un obxectivo que ten na acollida deste tipo de eventos unha oportunidade extraordinaria que a Deputación valora e agradece. “Pontevedra é a provincia amiga de La Vuelta e mentres eu teña poder de decisión vai seguir séndoo. Nin nada nin ninguén o vai impedir”, aseverou o presidente Luis López dirixíndose ao director de LaVuelta, Javier Guillén.

Neste sentido, o titular do goberno provincial puxo en valor o retorno deste tipo de eventos deportivos para o conxunto da provincia e para destino turístico Rías Baixas. “O impacto económico é importante, pero non só no momento no que se desenvolve a carreira. A imaxe que proxecta das Rías Baixas é espectacular e iso provoca un retorno. Os ciclistas adoitan volver, pero tamén se converten en prescriptores de excepción cando nos seus países din que as Rías Baixas son o mellor lugar do mundo”, sostén o dirixente sobre un impacto que xa se deixa notar nos datos oficiais. “Estamos incrementando o numero de visitantes estranxeiros. No 2025 houbo meses nos que igualamos o número de turistas nacionais e estranxeiros. Para nós é importante e aí radica a importancia de acoller grandes eventos”, explicou.

Ademais do turismo e a descentralización da actividade económica, outro dos puntos de interese deste novo evento internacional que organiza a provincia está na igualdade cunha proba deportiva que demostra que na provincia “somos capaces de impulsar a igualdade real entre mulleres e homes tamén no deporte”, remarcou o presidente quen aproveitou para agradecer a colaboración da Xunta de Galicia para facer posible a celebración deste tipo de acontecementos. “Sen a súa colaboración non sería posible”, recoñeceu.

“Convidamos a todo o mundo que veña a desfrutar desde día importantísimo e único do 3 de maio no que se vai disputar esta etapa entre Marín e Salvaterra de Miño que vai merecer a pena. A aqueles que veñen doutros lugares, recoméndolle que queden uns días, pagará a pena e se o fan, repetirán; porque xa o di o noso lema: Rías Baixas é a túa meta e o teu destino”, concluíu o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes