Luisa Sánchez participa na presentación da I Edición do Congreso do Mar e da Náutica
06/05/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, participou este martes no Real Club Náutico de Vigo na presentación do primeiro Congreso do Mar e de Náutica, que terá lugar na cidade de Vigo os días 26 e 27 de xuño e co que se reivindicará a importancia do mar e da ría de Vigo para a cidade como referente a nivel nacional e internacional. Un encontro no que, como incidiu a vicepresidenta provincial, “o Náutico de Vigo volverá demostrar a súa gran implicación coa nosa cidade, co seu desenvolvemento e a súa dinamización social”.
Ademais, Luisa Sánchez quixo destacar a importancia de “poñer en valor o mar a través de congresos como este, que nos permiten sacar músculo de algo do que ninguén entende tanto como esta cidade” e mostrou o apoio da Deputación a citas como esta, na que se abordarán cuestións como os deportes no mar, a industria náutica ou a sustentabilidade e a inclusión “cuestións tan necesarias para que o desenvolvemento económico-social poida darse a longo prazo e beneficie a todos”.