Luisa Sánchez salienta o “éxito” do Galicia Fest na súa estrea, con máis de 6.000 persoas gozando de dez horas de música ininterrompida no centro de Vigo
A vicepresidenta provincial destaca a “boa acollida" deste novo festival, que esgotou todas as entradas e abonos dispoñibles
29/08/2025
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, salientou este venres o “éxito” do Galicia Fest na estrea deste festival patrocinado polo organismo provincial. No seu primeiro día de concertos, e con todas as entradas e abonos esgotados, o público puido gozar de dez horas de música ininterrompida no centro de Vigo.
Luisa Sánchez destacou a “gran acollida” que tivo este novo evento, que esgotou todas as entradas e abonos dispoñibles. Así, máis de 6.000 persoas acudiron á xornada inaugural para presenciar os directos de Dani Fernández, Mikel Izal, Dorian, La Habitación Roja, Sexy Zebras, Samuraï e Éxtasis. Ademais, a música non se detivo en ningún momento, xa que os trocos de artistas estiveron animados por varios picadiscos.
O sábado será a quenda, a partir das 16.20 horas, de Leire Martínez, Beret, Marlon, Maldita Nerea, Fredi Leis, Hey Kid, Noan e Paula Koops.
