Luisa Sánchez valora a “proposta transversal e atractiva” do ciclo de festivais Sons de Vigo, que encherá de música o Ifevi durante cinco días

O recinto feiral acollerá catro eventos diferentes que abranguen desde a música urbana á electrónica, pasando polo reaggeton ou os grandes éxito de finais do século XX

20/03/2026

Luisa Sánchez valora a “proposta transversal e atractiva” do ciclo de festivais Sons de Vigo, que encherá de música o Ifevi durante cinco días

A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, valorou positivamente a “proposta transversal e atractiva” do ciclo de festivais Sons de Vigo, que se desenvolverá no recinto feiral do Ifevi durante cinco días entre o 27 de marzo e o 4 de abril. Os catro eventos que se celebrarán abranguen diferentes estilos e xéneros musicais, chegando así a un amplo espectro de público con propostas “diversas” que van desde a música urbana ata a electrónica, pasando polo reaggeton ou grandes éxitos de finais do século XX.

Tal e como se informou na presentación celebrada este venres, na que tamén participaron a delegada da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e o promotor do ciclo, Luis Diz, o Festival Lingua Urbana levantará o pano cunha intensa xornada que ofrecerá dez actuacións o próximo venres 27 de marzo. Destaca especialmente a presenza de artistas galegos, que representan a metade do cartel, reforzando así o compromiso co talento local e coa creación contemporánea.

A programación continuará o mércores 1 e o xoves 2 de abril co Wake Up Festival. Durante dúas xornadas, un total de doce DJ, varios deles de talla mundial, converterán a Vigo na capital nacional da música electrónica. No cartel figuran referentes como Klangkuenstler, Franky Rizardo, Chris Liebing o Loco Dice.

O venres 3 de abril será a quenda de Modo Perreo, unha cita pensada para o público que busca unha experiencia máis comercial e actual, con nomes como Dasoul, Henry Méndez e Kiko Rivera.

Ao día seguinte e como broche final, One Dance Galicia traerá a Vigo a esencia da música ‘remember’, cun cartel composto por artistas que ocuparon os primeiros postos de vendas a finais do século XX como Kate Ryan, Whigfield, Lou Bega, Alice DJ, DJ Sash ou Rebeca. Un evento que, segundo apuntou Luisa Sánchez, “apela ás nosas lembranzas con himnos que forman parte da memoria musical de varias xeracións”

Forte proxección e retorno

“Se algo define este ciclo de festivais é a variedade. Sons de Vigo é unha proposta para gozar da música sen etiquetas, para compartir experiencias e para seguir consolidando Vigo como un referente de ocio”, engadiu a vicepresidenta provincial.

Ao fío, subliñou que todos os eventos, pero especialmente o Wake Up, atraen moito turismo procedente de distintos puntos de España e de Portugal, co conseguinte retorno económico para Vigo. De feito, a organización prevé a asistencia de 20.000 persoas.

Luisa Sánchez tamén sinalou que Sons de Vigo destaca pola súa “forte proxección” nas redes sociais, impulsada pola presenza de DJ internacionais e artistas cunha ampla comunidade de seguidores.

Galerias de imaxes