A Deputación organiza esta fin de semana novas saídas do plan +Convivencia con 600 persoas de entidades de sete concellos da provincia

Serán oito actividades que achegarán ás persoas participantes ata as illas Cíes, Ons e Sálvora, ademais de ata os mosteiros de Aciveiro e Carboeiro ou ao castro de Santa Trega

29/05/2025

A Deputación de Pontevedra continúa este sábado e domingo 31 de maio e 1 de xuño as saídas programadas ao abeiro de +Convivencia, con oito novas actividades das que desfrutarán preto de 600 persoas pertencentes a entidades de Cambados, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Meis, Mos, O Porriño e Vigo.

O sábado realizaranse tres excursións con colectivos de Cerdedo-Cotobade, Dozón e Mos. Desde Cerdedo-Cotobade sairán 55 persoas da Asociación de Prexubilados, Xubilados e Pensionistas San Pedro ata a illa de Sálvora e Cambados. Desde Dozón, 49 Mulleres Rurais da asociación Pena de Francia visitarán o Castelo de Soutomaior e a illa de San Simón. Por último, 100 persoas da ANPA do CEIP Mestre Martínez Alonso de Mos farán unha excursión ás illas Cíes.

Xa o domingo, participarán en +Convivencia persoas dos concellos de Cambados, Cerdedo-Cotobade, Meis, O Porriño e Vigo. Desde Cambados participará a ANPA de Santa Mariña Dozo, con 80 persoas que farán unha visita guiada á illa de Sálvora. 148 persoas da ANPA de Sanxuvite de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, visitarán a illa de Ons. 50 mulleres rurais da asociación Os Pazos, de Meis, farán unha excursión ao castro de Santa Trega, na Guarda, e Tui. Pola súa banda, desde O Porriño un grupo de 54 persoas da Asociación Cultural A Forna visitará os mosteiros de Aciveiro e Carboeiro, en Forcarei e Silleda, ademais da fervenza do río Toxa. Por último, 30 persoas da Asociación de Veciños de Beade percorrerá as illas Cíes.               

O programa +Convivencia, cun orzamento de 275.000 euros (un 25% máis que os 220.000 euros da súa primeira edición), está a permitir que 229 entidades sen fins de lucro coñezan o patrimonio natural, artístico, etnográfico e cultural da provincia de Pontevedra. A Deputación oferta un amplo catálogo de actividades relacionadas coa arqueoloxía, coa arquitectura civil, relixiosa ou popular, co Camiño de Santiago ou cos museos, entre moitas outras. Todas as propostas están abertas a entidades de iniciativa social, asociacións de mulleres, de maiores, veciñais e culturais ou tamén ANPA da provincia.

O goberno provincial destina este ano a cada entidade unha axuda de ata 1.200 euros (o ano pasado as axudas máximas eran de mil euros) para que poidan xestionar e deseñar con total autonomía a súa actividade, favorecendo a contratación de empresas do tecido máis próximo e estimulando a economía local. Ademais, o número mínimo de persoas participantes en cada excursión é de 30, ou 20 no caso daquelas viaxes ou actividades nas que sexa necesario contratar autobuses e participen persoas con mobilidade reducida que precisen unha cadeira de rodas ou outras axudas técnicas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.