A Deputación abre a inscrición a un curso de cerámica con torno para público adulto no Museo de Pontevedra

O curso desenvolverase en seis sesións do 28 de outubro ao 2 de decembro e a inscrición abre este mércores ás 10:00 h a través da web museo.depo.gal

20/10/2026

A Deputación abre a inscrición a un curso de cerámica con torno para público adulto no Museo de Pontevedra

A Deputación abre este mércores a partir das 10:00 h a través da web museo.depo.gal o prazo de inscrición a un curso de iniciación á cerámica con torno para público adulto que vai desenvolver os mércores do 28 de outubro ao 2 de decembro, de 17:00 a 19:00 h no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. Durante seis sesións, Teresa Pece achegará o alumnado, de xeito práctico, á olería tradicional empregando o torno como ferramenta.

As prazas son limitadas. As persoas que se apunten deben ter en conta de que no caso de non poder asistir, é obrigatorio cancelar a reserva enviando un correo  a reservas.museo@depo.gal ou na ligazón recibida tras confirmarse a  inscrición. As persoas que non cancelen a reserva e non se presenten á actividade non poderán participar durante os doce meses seguintes en ningunha das outras visitas e actividades do museo que precisen reserva.

Iniciación á cestería de vimbio

Por outra banda, a partir do 13 de novembro terán lugar os cursos intensivos de iniciación á cestería de vimbio para público adulto, impartidos por Julia de la Cal. A inscrición a estes cursos abrirá o mércores 4 de novembro ás 10:00 h.

Julia de la Cal, premio artesanía de Galicia 2024, imparte estes cursos intensivos os venres 13 de novembro e 18 de decembro de 2026 e 15 de xaneiro de 2027, de 16:30 a 20:30 h. Neles as persoas inscritas gozarán dunha sesión de catro horas para iniciarse no traballo artesán con vimbios entretecidos.