O vicepresidente da Deputación inaugura no Museo de Pontevedra a exposición de Ira Lombardía no ciclo ‘Infiltracións’

‘Mudanza’ propón unha reflexión sobre o concepto de desprazamento e a súa relación coa memoria. Poderá visitarse ata o 25 de outubro

12/06/2026

O vicepresidente da Deputación inaugura no Museo de Pontevedra a exposición de Ira Lombardía no ciclo ‘Infiltracións’

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugurou esta tarde a exposición ‘Infiltracións. Ira Lombardía. Mudanza’, acompañado da propia artista, do comisario da mostra, Iñaki Martínez Antelo, e da directora do Museo, Ángeles Tilve. A exposición, que ocupa dous espazos nos edificios Castelao e Sarmiento, combina fotografía, colaxe, escultura e arquitectura efémera para ofrecer unha reflexión sobre o concepto de desprazamento ligado á emigración e ao exilio e a súa relación coa memoria. Poderase visitar ata o 25 de outubro.

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, destacou que “proxectos como Infiltracións representan o que dende a Deputación queremos para o Museo de Pontevedra: unha institución que non se conforma con conservar e amosar, senón que se abre á creación actual e que se atreve con propostas que non son sempre son as máis cómodas nin as máis previsibles”. O vicepresidente engadiu que “cando un museo permite que unha artista contemporánea entre nas súas salas e poña en cuestión as súas propias coleccións, está demostrando unha confianza e unha vitalidade que non todos os museos teñen”. Domínguez recalcou que “iniciativas coma esta son das que máis me satisfán como responsable desta institución, porque amosan un Museo vivo, conectado co seu tempo e aberto ao mundo”.

Pola súa parte, a directora do Museo, Ángeles Tilve, lembrou como “Infiltracións xurdiu como un compromiso cunha concepción viva e plural do discurso do Museo, no que deben ter cabida as achegas das creadoras e creadores da arte actual”. Tilve explicou que, neste caso, “a artista establece lazos entre diferentes imaxes e obxectos que se dispoñen en estruturas que nos remiten ao cotián e ao transitorio. Entre eses elementos incorporados ao discurso atopamos pezas da nosa colección, como imaxes tomadas dos Caprichos de Goya, debuxos de Castelao ou caracolas da colección Méndez Núñez”. A directora do Museo salientou que “este proxecto non aparece por casualidade: é froito dun traballo silencioso, de moitas conversas e de moitas horas compartidas entre a artista, o comisario e o noso equipo”.

‘Infiltracións. Ira Lombardía. Mudanza’ é a cuarta mostra deste programa expositivo comisariado por Iñaki Martínez Antelo, no que artistas contemporáneos crean proxectos específicos en diálogo coas coleccións do Museo de Pontevedra. Precedérona os proxectos de Mónica Alonso, Alberto Baralla e Marta Pazos, e no outono deste ano está previsto que se inaugure a seguinte mostra, a cargo de Berio Molina.

A proposta de Ira Lombardía desenvólvese nunha serie de estruturas situadas en dous puntos do Museo de Pontevedra: a primeira planta do Edificio Castelao e o a segunda planta do claustro do Edificio Sarmiento. Toma como eixe central a emigración para construír un proxecto que dialoga coas experiencias do tránsito, coa perda, co arraigamento e coa transformación. A experiencia do traslado, da viaxe continua ou da distancia convértese nunha capa máis de sentido: aquilo que se conserva, o que inevitablemente se transforma e tamén o que permanece suspendido na memoria.

En palabras da propia artista: “A partir do contraste entre a lixeireza do xesto e a densidade dos materiais —que remiten a obxectos de traslado e paredes domésticas en proceso de construción—, este traballo aborda o conflito entre aquilo que levamos connosco e o que inevitablemente queda atrás. O feltro, o papel burbulla e a gomaespuma evocan ideas de temporalidade e desprazamento, así como a fraxilidade do que se tenta preservar. Neste contexto, o fogar redefínese como algo inestable, próximo á idea de refuxio onde o corpo, arrolado polo movemento, aprende a habitar un espazo residual entre a presenza e a ausencia”.

Ira Lombardía (Asturias, 1977) é unha artista afincada en Nova York. O seu traballo combina instalación e escultura, fotografía, colaxe e vídeo, creando pezas de gran formato que exploran cuestións relacionadas co feminismo, coa ecoloxía e coa cultura visual contemporánea. Presentou exposicións individuais no Centro Cultural de España en México (CCEMx, Cidade de México, 2024-2025), Sector Curiosa, Paris Photo (2022) e no Museo de Arte SCAD (Savannah, Xeorxia, 2020-2021), ademais de varias colectivas. O seu traballo forma parte de importantes coleccións públicas e privadas, entre elas o Museo de Victoria e Alberto (Londres) e El Espacio 23 (Colección de Jorge M. Pérez, Miami).

Galerias de imaxes