A Deputación leva este venres 10 de xullo a Meis un concerto da Gramola Gominola no marco das Festas de San Bieito

O espectáculo terá lugar nos xardíns da Casa do Escudeiro ás 20:30 horas ao abeiro de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas

08/07/2026

A Deputación de Pontevedra leva este venres 10 de xullo a Meis un concerto da banda A Gramola Gominola, enmarcado na nova edición de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar nos xardíns da Casa do Escudeiro ás 20:30 horas no marco da programación das súas Festas de San Bieito, que culminarán o domingo 12 coa celebración da XXXIV Festa dos Callos.

A Gramola Gominola é unha banda de rock & roll en galego para público cativo formada por Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). O grupo naceu no ano 2015 e ademais de percorrer a xeografía galega actuando teñen acadado distincións como o Premio Martin Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil. A actuación en Meis forma parte do seu novo espectáculo, no que celebran os seus 10 anos en directo con temas como “Monstro”, “Punki”, “A fábrica de Carmela”, “Campiona internacional” ou “A Superlingua”.

Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.