A Deputación leva o programa provincial +Música ata Agolada con actuacións de The Teta´s Van e Leirabuxo

Os concertos terán lugar o martes 11 e o mércores 12, respectivamente, ás 21:30 horas na Praza do Concello no marco deste programa que, dotado con 700.000 euros, colabora cos concellos na súa programación cultural e no fomento da lingua e cultura galegas

08/08/2026

A Deputación leva o programa provincial +Música ata Agolada con actuacións de The Teta´s Van e Leirabuxo

A Deputación de Pontevedra leva esta semana ata Agolada os concertos de The Teta’s Van e Leirabuxo, enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. As actuacións terán lugar o martes 11 e o mércores 12, respectivamente, en ambos casos ás 21:30 horas na Praza do Concello, e forman parte da programación da XXIX Mostra de Artesanía de Agolada.

The Teta´s Van xuntouse por vez primeira no 2011 para participar nun concurso poñendo música a un poema de Ricardo Carvalho Calero, gañando o premio do público con Luisa Sorriso. Desde entón levan tocando por toda Galicia, facendo versións de clásicos do rock and roll, en inglés e en galego, reivindicando, ademais, o papel da muller na escena galega.

Pola súa banda, Leirabuxo é unha agrupación de música Folk dirixida polo multinstrumentista Manuel Varela na que instrumentos de ventos se mesturan con outros máis senlleiros como a zanfona, a gaita ou percusións tradicionais, unha sonoridade que leva a agrupación a desenvolver un linguaxe propio bebendo dunha fonte totalmente acústica e tradicional.

Estes concertos forman parte das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.