Ofrenda á Virxe das Dores patroa de Lalín

Querida Virxe das Dores, patroa de Lalín e nai desta vila que tanto te quere:

21/09/2025

Preséntase ante ti un cambote, é dicir, un veciño de Rodeiro, parroquia de San Salvador; tamén un veciño adoptivo de Lalín e un entusiasta do Deza, e circunstancialmente un presidente da Deputación que pronuncia esta ofrenda en nome de todos os veciños desta provincia extraordinaria nosa, que é a provincia de Pontevedra.

Virxe das Dores, co corazón agradecido, afirmo que, malia seren os lalinenses xente humilde, hoxe é un día grande dunha vila grande. Moi grande.

Lalín está delimitado polo seu mapa pero vai moito máis alá dos seus límites xeográficos.

É grande de espírito, pola paixón que senten por el o seus veciños. Grande en bos e xenerosos pola pegada inmensa de artistas, estadistas, pastores da Igrexa, intelectuais e científicos que inscribiron os apelidos Laxeiro, Lamazares, Aller, Varela, Saco y Arce ou Gil Taboada no mellor da nosa historia. Grande tamén como encrucillada dos camiños de Galicia, nese quilómetro cero que sempre nos leva de volta ata aquí. Grande ata en sabor, que –como saben— é o mellor amigo do Cocido. Grande antes, grande agora e sempre grande ata para os que nacemos fóra de Lalín, pero levámolo con nós, dalgún xeito.

Otero Pedraio dicía de Ramón María Aller que a súa figura seguirá por sempre “esperta e vixiante”. Pois así, “espertos”, se manteñen os recordos destas rúas na miña memoria. Algúns dos días máis felices da miña vida teñen como data as Festas das Dores, e como lugar este concello.

Por estas e moitas outras razóns, Lalín é unha extensión natural da miña casa, porque nela viven instantes, proxectos, sentimentos e persoas sen as que non me podería explicar como persoa, nin sequera agora como un servidor que presidente a Deputación.

Con esta humilde ofrenda, Virxe das Dores, pido amparo e acerto para que entre todos –insisto: entre todos— saibamos encontrar respostas e solucións aos grandes retos que nos convocan como sociedade.

  •  A ferida dos lumes é unha desgraza recorrente no noso país, pero a ferida deste verán foi se cabe aínda máis fondo. Malia todo, é imprescindible e xusto recoñecer a valentía e solidariedade de todas as persoas que plantaron cara ao lume –desde brigadistas, forzas de seguridade, voluntarios e cidadáns anónimos— e conxurarnos para que previr máis desgrazas no noso monte.
  • Pido que as aldeas do noso rural volvan ser un fervedoiro de vida, emprego e futuro, traballamos e seguiremos traballando arreo desde a Deputación para levar a todos os recunchos deste concello e da comarca os mellores servizos e infraestruturas, e para estar ao carón dos que sementan ou procuran non un produto, senón futuro: os labregos e
  •  Virxe das Dores, nesta Ofrenda pido protección para os nosos mozos, baluartes do Lalín e da provincia do mañá; lembro aos nosos maiores, memoria viva de quen somos; pido polas familias e fogares, columna vertebral da nosa sociedade; e pido por quen traballa e por quen dá traballo.
  •  Pido porque a pegada de Lalín –dun Lalín emblema dentro dunhas Rías Baixas estendidas do mar cara o interior— siga moitos anos asombrando aos que somos de aquí e aos que veñen de fóra. O turismo son os nosos embaixadores ante o mundo.
  • Pido que o exemplo de pobos unidos como o de Lalín se estenda á práctica política, para que cese o ruído e impere un xeito de gobernar estable no que caiban todos.

 

Todos formamos parte de Lalín, do Deza e da provincia de Pontevedra. Sigámonos xuntando cada ano nesta igrexa aos pés da Virxe das Dores, porque será un testemuño claro de que imos polo bo camiño: o camiño da fraternidade, da fe na nosa terra e da paz.

 Querida Nosa Señora das Dores: Bendí, protexe e guía, hoxe e sempre, ao teu Lalín.

 Amén.

Galerias de imaxes